- Os datos solicitados por Plena inclusión revelan que os fogares onde viven persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento teñen rendas máis baixas (un 25% máis baixas), menor taxa de actividade (78% fronte ao 32%), dificultades no acceso a recursos básicos, un sobreesforzo económico de 24.237 € de media; abandono laboral e problemas de saúde derivados dos coidados destas persoas.
- O actual sistema de prestacións, axudas e incentivos fiscais non compensan esta desigualdade.
Este colectivo, que representa en España un 1% da poboación española (o que supón ao redor de 470.000 persoas), esixe que as Administracións Públicas adopten medidas económicas que lles aseguren un nivel de protección social e o acceso aos recursos necesarios para gozar dun nivel de vida adecuado e en igualdade de condicións coas demais familias.
Estas familias parten dunha situación crítica: a renda é un 25% máis baixa nestes fogares que no resto, a taxa de actividade das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento é, segundo o Instituto Nacional de Estatística, 46 puntos máis baixa que a da poboación xeral (78% fronte ao 32%) e a de emprego é un 43% máis baixa (62,8%, fronte ao 20%). “Desde Plena inclusión queremos lanzarlle un reto ao novo Goberno para que garanta condicións de vida máis equitativas e dignas para as familias con persoas con discapacidade intelectual”, explicou Juan Pérez, vicepresidente de Plena inclusión España.
A isto únese que estas persoas e as súas familias afrontan un sobreesforzo económico orixinado pola necesidade de apoios e a perda de oportunidades, cuantificado en 24.237€ anuais de media. No caso de persoas con discapacidade con grandes necesidades de apoio, este custo ascende a 47.129€. “Na maioría dos casos as nais de persoas con discapacidade intelectual teñen que sacrificar a súa carreira profesional porque teñen que facerse cargo dos seus fillos”, explica María del Mar Azaña, representante de familias de Plena inclusión Castela-A Mancha.
Plena inclusión tamén analizou o actual sistema de prestacións, concluíndo que non só non serve para compensar este sobreesforzo, senón que ademais desincentiva o acceso ao emprego e a autonomía das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Por exemplo, a prestación por ter un fillo a cargo con entre un 33 e un 65% de discapacidade intelectual é de 1.000€ anuais para familias con ingresos baixos. A pensión non contributiva por invalidez –que só se concede a persoas con máis do 65% de discapacidade–, supón unha axuda como de entre 107,25 e 429,17€ ao mes; mentres que se falamos de rendas mínimas garantidas ou de inserción social o seu limiar mínimo adoita roldar o 430€/mes.
De igual forma, as políticas de rendas mínimas fanse desde un tratamento xeneralizado da poboación, sen discriminar situacións e no caso de existir un tratamento diferenciado é moi marxinal e de escasa incidencia na poboación, por exemplo, para menores de 25 anos con fillos con discapacidade ao seu cargo. A todo iso únese a actual dificultade de compatibilizar prestacións e rendas de traballo, que fai que a moitas persoas con discapacidade intelectual non lles compense traballar, pois van obter salarios moi moderados (a media sitúase en 11.764 euros brutos anuais en 2016, a metade do das persoas sen discapacidade) e parte do que ingresan váiselles a detraer das prestacións económicas que teñen concedidas.
No seu estudo “Todos Somos Todos” sobre a situación de familias de persoas con grandes necesidades de apoio, Plena inclusión tamén atribúe maiores problemas de saúde –cos seus custos derivados para o sistema–, nas coidadoras (sobre todo nais).
Por todo iso, no inicio da nova Lexislatura, e coincidindo coa celebración do Día da Familia o 15 de maio, Plena inclusión reclamou ao presidente do Goberno que este novo curso político non sexa unha nova oportunidade perdida para a mellora das condicións de vida destas familias.