Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Preto de 500 persoas con discapacidade intelectual galegas, participarán o vindeiro venres 5 de abril nun simulacro electoral, organizado por FADEMGA Plena inclusion Galicia e dirixido a este colectivo, que poderá votar na súa totalidade por primeira vez nos próximos comicios do 28 de abril e o 26 de maio.

Este simulacro únese a moitos outros celebrados en comunidades como Madrid, Asturias, Castela León, Valencia… co triple obxectivo de celebrar este cambio histórico pero tamén de reclamar a necesidade de material adaptado a lectura fácil para poder exercer este dereito en igualdade de condicións ao resto de cidadáns, e tamén para analizar e avaliar as dificultades que poidan ter as persoas con discapacidade intelectual á hora de exercer este dereito, así como poder anticiparnos a posibles apoios que necesiten nos próximos chamamentos electorais.

Para iso, a nosa organización convidou a achegarse ata as “mesas electorais” aos políticos locais, para que coñezan de primeira man a importancia da accesibilidade cognitiva, ofrecendo material adaptado en lectura fácil ou indicacións claras para chegar aos colexios electorais. Como afirma o presidente de FADEMGA Plena inclusion Galicia "o exercicio do seu dereito a voto é un avance que reforza os nosos valores de sociedade inclusiva, diversa e plural.

Era unha débeda da cidadanía, xa que ata agora as persoas con discapacidade intelectual eran cidadáns de segunda”. A continuación, ofrecemos unha lista das localidades e lugares onde desenvolveremos este simulacro, que terá lugar de maneira simultánea entre 11:00 e 13:00 horas do mediodía do próximo venres.:

 

:: Provincia da Coruña

A Coruña.Entidade participante, ASPRONAGA e PASCUAL VEIGA / Lugar: Casa da auga.

ROIS. Entidade participante, AMIPA. / Lugar: Centro Cultural de Sorribas.

BETANZOS. Entidade participante, PAI MENNI. / Lugar: Edificio Liceo.

:: Provincia de Pontevedra

CANGAS. Entidade participante, JUAN XXIII. / Lugar: IES María Soliño

LALIN. Entidade participante, ASPADEZA / Lugar: Centro Don Ramiro.

PONTEVEDRA. Entidade participante, JUAN XXIII. / Lugar: Colexio de educación especial.

:: Provincia de Lugo

BURELA. Entidade participante, FUNDACION EU SON. / Lugar: Concello de Burela

VIVEIRO. Entidade participante, ASPANANE. / Lugar: Concello de Viveiro

 

:: Cambio da Lei electoral

As Cortes Xerais aprobaban a finais de 2018 unha modificación da Lei Electoral para que os 100.000 españois, con discapacidade intelectual, máis de 5.000 en toda Galicia, poidan exercer con plenas garantías o seu dereito ao voto nos próximos comicios, ademais de poder ser elixidos en calquera cota electoral. Segundo a lei, tras esta reforma, a ningunha persoa con discapacidade poderáselle retirar no futuro o dereito de sufraxio -activo e pasivo-, e quen estivese nesta situación á súa entrada en vigor recuperarano de modo automático sen ningún tipo de xestión ou trámite pola súa banda.