Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A Facultade de Psicoloxía de Santiago, acolleu este venres o “12º Seminario sobre discapacidade intelectual e saúde mental”, organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia, coa colaboración do Grupo de Traballo de Trastornos Mentais e/ou alteracións de conduta.

A Concelleira de Benestar Social de Santiago, Dna Concha Fernández, e o director xeral de Mariores e Discapacidade da Xunta de Galicia D. Ildefonso de la Campa, apoiaron a inauguración deste escontro, acompañados da vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia Dna Carmela Gonzalez, quen fixo fincapé no “importante momento de cambios e de transformación que está a vivir o noso sector, cambios orientados a novos modelos de atención que poñen o acento nas necesidades e nas características de cada persoa con discapacidade intelectual e a súa familia”.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Dna Concha Fernández, destacou a necesidade de destinar recursos específicos para abordar os trastornos de saúde mental, “a gran esquecida nas políticas sociais”

Finalmente, o director xeral de maiores e discapacidade D. Ildefonso de la Campa, incidiu na necesidade de construir unha Galicia máis inclusiva e solidaria, así como na importancia da interpretación ética do traballo e do trato, un debate –asegurou- “que comeza nas propias familias, segue co trato sanitario e nas acción terapéuticas que se prestan e finaliza na percepción e realidades observadas polas persoas con discapacidade intelectual e trastornos de saúde mental asociados”

O Seminario da Discapacidade permite cada ano traballar na mellora dos apoios que reciben na nosa comunidade as persoas con discapacidade intelectual con trastornos mentais e/ou alteracións de conduta asociados, dando resposta ás necesidades do colectivo a través de diferentes relatorios e talleres prácticos.

A través deste tipo de encontros, FADEMGA Plena inclusión Galicia busca a implicación de maneira activa, da Administración e profesionais (psiquiatras das Unidades de Saúde Mental do SERGAS e demais profesionais vinculados como logopedas, psicólogos etc.) para asegurar o dereito a unha atención, un apoio e un tratamento idóneo.

:: A saúde mental e discapacidade intelectual

Habitualmente, as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento presentan unha maior prevalencia de trastornos psiquiátricos e de conduta. A detección dos mesmos adoita resultar complexa, e en moitas ocasións aplícanse tratamentos que non son eficaces, o que repercute na diminución da súa calidade de vida, ameaza a estabilidade familiar e mesmo a súa permanencia nos centros de atención aos que acoden.

Mellorar esta situación é obrigación de todas as Administracións e do noso Movemento Asociativo, para o cal poñemos en marcha esta xornada.