Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

10 entidades galegas da discapacidade intelectual participan a partir de mañá na Feira da Transformación organizada por Plena inclusión, unha cita que reunirá en Logroño a persoas con discapacidade intelectual, familias, profesionais, representantes de entidades, persoas expertas en Transformación de centros e servizos, persoal das Administracións Públicas e outras persoas interesadas, co obxectivo de visibilizar os avances e resultados do Proxecto de Transformación de Plena inclusión, a través das experiencias que xa están a levar a cabo por parte de máis de 200 entidades do noso movemento asociativo.

Xunto a iso, esta Feira tamén servirá para promover o intercambio e alianzas entre estes diferentes proxectos de Transformación de centros e servizos de atención a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, así como a reinvidicación dos servizos que queremos en Plena inclusión, a través dos nosos diferentes posicionamentos,así como as experiencias de servizos sociais das Administracións Públicas centrados nas persoas.

:: Importante representación galega

Os profesionais de ACEESCA, AFAM PAI MENNI, AMIPA, ASPADEZA, ASPANAS, BATA, CHAMORRO, JUAN XXIII, SAN XEROME, e profesionais da propia federación FADEMGA Plena inclusión Galicia, poderán coñecer a través deste encontro diferentes experiencias de Transformación en entidades, como por exemplo:

- A importancia de dinamizar as relacións entre os diferentes equipos, como o grupo de responsables das federacións e outros expertos ou axentes catalizadores de procesos de transformación.

- A recompilación de datos que permita comparar a situación actual dunha entidade con outras rexións a nivel autonómico e estatal.

- O emprego de espazos colaborativos como as intranets.

- A importancia de ofrecer e organizar encontros (xa sexan online ou presenciais) entre servizos e outros axentes implicados no proceso para a trasferencia de coñecementos e posta en común do estado dos procesos de transformación encamiñados polas organizacións.

En definitiva, o proxecto de transformación dos servizos cara á calidade de vida consiste en alimentar e promover a vontade e a acción dos servizos de apoio a persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e a familias que voluntariamente queiran iniciar un proceso de transformación cara a Servizos Centrados na Persoa, e ofrecerlles unha contorna de rede e de colaboración mutua, con apoio e acompañamento.