A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago, Dna Concha Fernández así como o novo Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade D. Ildefonso de la Campa, acompañáronnos o pasado fin de semana en Teo, para celebrar o 3º Foro de Familias de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
A través do intercambio de experiencias e boas prácticas, máis de 100 familiares de persoas con discapacidade intelectual reuníronse novamente para apoiar este encontro, co que a nosa Federación busca inculcar unha maior cultura participativa no Movemento de Familias ao tempo que ofrecemos un espazo para reflexionar conxuntamente sobre os retos do futuro que están por vir.
Tal e como asegurou o presidente da federación D. Eladio Fernández, así como a vicepresidenta, Dna Carmela González, “e importante que tódalas familias adoptemos un papel máis activo na vida das nosas asociacións e da propia Federación, que é a casa de todos. Debemos deixar de actuar como clientes e comezar a actuar como socios”.
A través de varios testemuños, a xornada tamén ofreceu un mosaico das múltiples realidades familiares, así como diferentes experiencias de participación e pequenos xestos que reflexaron que todos podemos contribuir en maior ou menor medida a manter viva a vida asociativa.
O final do encontro, estivo protagonizado por un colorido photocall, onde tódolos familiares pasaron a votar as súas conclusións favoritas: unha iniciativa que serviu para celebrar a recente reforma da LOREG que permitirá votar a tódalas persoas con discapacidade intelectual, e do que xa podedes ver as principais imaxes neste enlace: PHOTOCALL – VOTO CONCLUSIÓNS