Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Esta xornada pretende aportar información valiosa para os corpos de seguridade que lles axude a coñecer que é a discapacidade intelectual, así como os prexuízos ou falsas crenzas ao redor dela.

Profesionais e persoas con discapacidade intelecual de FADEMGA Plena inclusión Galicia ofreceron pautas para saber como detectar que unha persoa ten necesidades de apoio por unha posible discapacidade intelectual e sobre como actuar nas diferentes situacións nas que os axentes da policía municipal poidan atoparse. De especial relevancia son as recomendacións sobre como establecer, asegurar e favorecer unha boa comunicación coa persoa, así como a información sobre os recursos aos que acudir en caso de necesitar axuda especializada.


Persoas con discapacidade intelectual e profesionais de FADEMGA Plena inclusión Galicia, achegáronse hoxe ata Coruña para impartir unha charla formativa na sede da Policía Local baixo o título "Aproximación á discapacidade intelectual na contorna policial". Unha formación coa que a federación pretende dar a coñecer as características do colectivo e fomentar novas vías de colaboración que faciliten á policía o contacto con persoas con esta discapacidade.

Con iniciativas deste tipo, búscase implicar e formar aos corpos de seguridade sobre como relacionarse e interactuar con persoas con discapacidade intelectual, os apoios que estas precisan, a importancia da detección ou como se pode manifestar a discapacidade na contorna policial. Pola súa banda, a licenciada en dereito Maria Gómez-Carrillo de Castro, explicou a importancia de contar coa figura dun "facilitador", que estableza as necesidades de comunicación da persoa con discapacidade intelectual e axude así á fluidez do procedemento.

A xornada tamén incluíu unha aproximación á Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, centrándose nos artigos referidos á igualdade e a non discriminación ante a Lei.