Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, inaugurou esta mañá a mostra de FADEMGA Plena inclusión Galicia e das súas entidades, no marco do proxecto “CapacitARTE. Así somos. Así o facemos’, que se poderá visitar no espazo da pirámide do edificio da Xunta de Galicia en San Caetano.

A exposición está formada por unha vintena de fotografías e texto explicativo que reflicte o día a día deste colectivo, así como das actividades e programas que levan a cabo as 40 entidades que compoñen a Federación.

O presidente da Federación, Eladio Fernández, fixo un repaso polas diferentes áreas que aparecen reflexadas na exposición, poñendo en valor algunhas das máis descoñecidas como a atención a reclusos e exreclusos con discapacidade intelectual dentro ou fora do cárcere, a necesidade de traballar pola visibilización social das persoas con maiores necesidades de apoio, o traballo que se desenvolve no eido do envellecemento, o respiro familiar e mesmo da diversidade sexual, ou a importancia para o colectivo do deporte e do ocio a través de actividades organizadas por Special Olympics Galicia.

Na súa intervención quixo tamén agradecer a CERMI e Xunta esta iniciativa, “puiden ver casi todas as presentacións anteriores, e soamente podo decir que para nós é unha honra poder estar aquí representados, xunto ao traballo das entidades compañeiras do Cermi Galicia, tan imprescindible como inspirador para todos”.

Pola súa banda, a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade Fabiola Martínez, trasladou o seu recoñecemento polo labor da Federación, que “destaca pola súa dedicación infinita ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias e pola especificidade dos servizos que presta a través de profesionais moi cualificados”. Así mesmo, o seu traballo “non só mellora a calidade de vida dos usuarios, senón que é capaz de concienciar á cidadanía e institucións de que os atrancos e as barreiras só existen nas nosas cabezas”, engadiu a directora xeral.

A campaña “CapacitARTE”, que se está a desenvolver nas instalacións de San Caetano, consiste na realización de exposicións monográficas sobre os servizos e proxectos que levan a cabo cada unha das entidades que conforman o Cermi-Galicia. O obxectivo, é dar visibilidade ás persoas con discapacidade, ao mesmo tempo que o movemento asociativo pode contar dunha maneira máis exhaustiva o traballo diario dos profesionais en prol do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e familias.