Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernandez, explicou esta mañá ante o grupo parlamentario de En Marea, as principais reivindicacións do colectivo de persoas con discapacidade intelectual e familias de Galicia.

Entre as principais demandas que o presidente recolleu na súa exposición destacou a necesidade de abordar a Carteira de Servizos, “é necesario definir un sistema de avaliación do novo modelo así como unha análise de posibles riscos da súa implantación xa que esta nova carteira de servizos non deixa de ser o paso dun modelo real contrastado e eficiente a un modelo moi complexo do cal non temos probada a súa eficacia nin eficiencia”

Neste sentido, incidiu en que dita Carteira, tampouco daría resposta ás necesidades do rural. Outro dos temas principais da exposición foi o desenvolvemento do concerto social, do cal dixo “se tiña establecido un prazo de 8 meses para o se desenvolvemento, tempo xa superado con creces e, de momento, seguimos sen ter novas ao respecto. Co cambio a concerto social, acabará o mercantileo dos dereitos a decidir dos nosos fillos e das familias, e se priorizará o arraigo no seu contorno, entre outras cuestións de calado. De aí que sexa tan importante para nós”.

O presidente da Federación continuou abordando outros temas de interese como as situacións de discriminación derivadas do copago, a necesidade dunha renda mínima de inclusión para as persoas con discapacidade intelectual, ou a importancia de fomentar unha maior formación e información do persoal sanitario para tratar co colectivo.

No referente a emprego, destacou os avances tan importantes que se teñen producido nos últimos anos coas recentes convocatorias de emprego público ou a bolsa de emprego que abrirá en breves a Xunta de Galicia, nembargantes, subliñou a importancia de promover políticas activas, e defendeu o novo modelo de servizo ocupacional e emprego, “modelo que reivindica a nosa patronal estatal AEDIS, e que xa se está a implantar en comunidades como Baleares ou Castilla e León, con contrastado éxito. Un modelo que contempla, ademais, a formación dual, e no que se analicen as políticas activas de emprego e de apoio.

Accesibilidade e terminoloxía

A intervención rematou con outros asuntos de calado nos que está a traballar actualmente FADEMGA Plena inclusión Galicia, como a necesidade de poñer o foco na accesibilidade universal “dende a Federación estamos traballando na promoción da lectura fácil, así como outros sistemas alternativos de comunicación, pois debemos recordar que o acceso á información é un dereito que temos todos e soamente será efectivo cando Administracións, políticos e sociedade se impliquen.

Neste eido, recalcou ou traballos de adaptación de materiais que estamos a realizar actualmente con axentes do ámbito xudicial (avogados, xuíces, policías...) para poñer en marcha diferentes iniciativas formativas e de adaptación de información a fácil lectura, como pode ser o caso das sentenzas xudiciais.

Finalmente, fixo unha chamada de atención a tódolos políticos, con respecto a terminoloxía que se está a empregar nos últimos anos, para referirse ás persoas con discapacidade intelectual... “capacidades diferentes, diversidade funcional, diversidade intelectual... estos son termos que nos describen a TODOS. O noso Movemento Asociativo, (tanto a nivel autonómico como estatal) defende o emprego do termo “persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento”

Nós necesitamos que a xente e os políticos, coñezades as nosas necesidades e reivindicacións como persoas con discapacidade intelectual. O emprego de termos como “capacidades diferentes” ou “diversidade funcional” acaban incorporando a persoas cunhas necesidades particulares e propias, nun “totum revolutum” onde todos somos o mesmo e todos temos as mesmas necesidades.

Como imos reivindicar necesidades e aspiracións concretas (como a accesibilidade cognitiva, o emprego para todos ou a educación inclusiva) se resulta que todas somos persoas con diversidade? Así non podemos reivindicar nada.”