Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A Xunta de Galicia vai activar por primeira vez unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual.

O prazo de inscrición comeza este xoves 28 de xuño e estará aberto ata o 15 de xullo. As persoas que se apunten nesta lista poderán traballar nas consellerías con contratos temporais.

Os postos que ocuparán están específicamente adaptados para persoas con discapacidade intelectual. Así, a Xunta explicou que utiliza esta lista para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

Os aspirantes á bolsa teñen que cumprir un requisito: ser admitidos nas oposicións que se convocaron en 2016 para a categoría de ordenanza do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta. A puntuación que conseguiron os candidatos que superaron o primeiro exercicio da oposición será valorada como "mérito".

:: UNHA REIVINDICACIÓN HISTÓRICA DA NOSA FEDERACIÓN

Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia aplaudimos este novo paso da Xunta de Galicia na integración laboral do colectivo de persoas con discapacidade.

A creación de listas de contratación temporal foi unha das principais reivindicacións da nosa Área de Emprego e Formación, que hoxe por fin se materializa nesta iniciativa que abrirá un pouco máis o mercado laboral a un colectivo historicamente excluído do acceso ao emprego.

Consulta aquí a RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2018, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura dunha lista para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia do grupo V, categoría 003 (ordenanza e outras), en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.