Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A falta de tempo para explicarse, a linguaxe excesivamente técnica ou a falta dunha información clara e en termos que poidan comprender son algunhas das barreiras que se atopan as persoas con discapacidade intelectual cada vez que inician algún procedemento xudicial.

Este foi o punto de partida da xornada “Persoas con discapacidade intelectual e acceso á Xustiza” organizada por FADEMGA Plena inclusión Galicia co obxectivo de explicar as principais barreiras coas que conta o colectivo á hora de acceder á Xustiza e propoñer diferentes iniciativas que axudarían a facilitar este procedemento.

A valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, reivindicou durante a súa intervención, que a xustiza sexa "máis próxima" aos cidadáns e que a linguaxe utilizada nas sentenzas sexa "máis fácil" para ser entendida por todos os cidadáns. Sobre este aspecto, a valedora tamén explicou que "as persoas con discapacidades non necesitan máis dereitos que as persoas que non teñen discapacidades, pero precisan máis axudas".

De igual modo, Juan José Martín Álvarez, director xeral de Xustiza, coincidiu coa valedora e comentou que a "verdadeira igualdade" pasa por facer desaparecer as desigualdades.

Pola súa banda, a vicepresidenta da asociación manifestou que o tema desta xornada "non é unha reivindicación, é unha loita que se empezou hai tempo" e revelou como obxectivo que "se tome conciencia das barreiras" ás que se enfronta este grupo e incidiu en que os profesionais da xustiza son "actores craves" para conseguir mellorar as condicións deste sector para as persoas con discapacidade.

INFORMACIÓN MÁIS ACCESIBLE

Respecto do dereito á información accesible, o director xeral de Xustiza prometeu á federación que se traducirán os documentos xudiciais ao galego, aos que se poderá acceder pola plataforma online. Con estes pasos, perséguese o obxectivo da creación de documentos xurídicos de fácil lectura.

Pola súa banda, o concelleiro de Educación fixo referencia ás dificultades ás que se enfronta este grupo cunha frase de Einstein: "é máis fácil romper un átomo, que rematar un prexuízo".

A xornada contou entre os relatores con persoas con discapacidade intelectual que explicaron en primeira persoa e desde unha perspectiva práctica, as condicións de vulnerabilidade ás que se enfrontan ao longo dun proceso xudicial e animarán a profesionais do sector para sensibilizar a compañeiros sobre a necesidade de abordar con urxencia esta problemática.

O fin último é avanzar cara á igualdade de condicións, promovendo a eliminación de barreiras.