Como caracteriza a cada mes de xuño, FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que se deron cita os directivos das entidades membro co fin de aprobar a Memoria e Balance de contas de 2017 así como o Plan de Acción 2018, e poñer a mirada na previsión de actividades que están por vir.
Accións para a accesibilidade cognitiva, para o empoderamento, autodeterminación e defensa dos dereitos das persoas en situación de exclusión, envellecemento, novos programas como o de muller… foron as diferentes actividades desenvoltas durante o 2017 polas que se fixo un intensivo repaso ao longo da Asemblea, onde tamén se deixou espazo para abordar situacións que están a afectar actualmente ao colectivo como o impacto no cambio de modelo de financiación do IRPF.
En palabras do presidente, Eladio Fernández, “foi un ano moi positivo, do que me sinto orgulloso especialmente, por retomar o camiño do entendemento e a colaboración coas Administracións”.
Pola súa banda, a responsable de familias da Federación Carmela González, quixo animar ás entidades a participar na Xornada de Familias do 2018 “pídovos que fomentedes a participación e animedes aos familiares a involucrarse na vida asociativa. Sabemos ademáis, que hai moitos irmáns que queren participar, pero que non contan coa información necesaria: anímovos a que os apoiedes e lles fagades chegar a gran cantidade de iniciativas nas que se poden involucrar”.
Dende a Federación, miramos una ano máis ao futuro, cunha visión compartida que reforza ás familias e co compromiso ético de transparencia e calidade.
Un ano para reivindicar que cada familia importa!