O Boletin Oficial do Parlamento de Galicia publicou no día de onte o nome do aspirante que superou o proceso selectivo para a praza de uxier en réxime de interino reservada en exclusiva para ser cuberta por persoas con discapacidade intelectual.
O aspirante que superou o proceso selectivo recibiu formación específica para este e outros procesos selectivos, así como apoios, asesoramento e información da Área de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Este resultado respalda novamente o bo facer, así como a calidade dos servizos ofertados pola nosa Área de Emprego, que dende hai máis de 18 anos traballa diariamente desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e o queren manter.
A Federación asesorou ao Parlamento de Galicia para a organización deste primeiro proceso selectivo reservado a persoas con Discapacidade intelectual, realizou a adaptación a Lectura Fácil do temario oficial para a proba e asinou un Convenio de Colaboración para facilitar a inclusión laboral do adxudicatario da praza de uxier. Durante o proceso de preparación da proba, a Federación facilitou aos aspirantes formación para o exame, pero tamén ofreceu outro tipo de apoios aos opositores durante todo o proceso.
FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra este resultado tan satisfactorio e felicita ao aspirante que acada a praza de uxier polo seu esforzo, entusiasmo e confianza depositada en FADEMGA para a súa preparación, así como a cada un dos alumnos con discapacidade intelectual que prepararon este proceso selectivo, e anímaos a continuar coa súa preparación de cara a vindeiras convocatorias da Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia e SERGAS.
:: O emprego: factor clave para a inclusión das persoas con discapacidade intelectual
Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA Plena inclusión Galicia defende dende hai anos a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (onde se demostren que se posúen os coñecementos básicos para a execución do posto de traballo ofertado), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a inclusión destes traballadores.
A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións da Federación Galega. Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.