O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades de sensibilización e a mellora da comunicación coas persoas con discapacidade intelectual no sistema sanitario público galego.
En base a este convenio, as actuacións a desenvolver son dunha banda, a difusión de vídeos entre os profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a colocación de carteis da campaña de sensibilización Prepárate para entenderme nos centros de saúde e hospitais da rede sanitaria pública galega. E, doutra banda, a realización do programa Aténdeme-Enténdeme, a través do cal persoas con discapacidade intelectual transmitirán aos equipos de Atención Primaria en visitas programadas as súas necesidades e características propias e proporán algunhas ferramentas para mellorar as habilidades dos profesionais na comunicación con este colectivo.
O Sergas comprométese a poñer a disposición de FADEMGA as instalacións e os medios axeitados para do desenvolvemento das actividades do programa Aténdeme- Enténdeme, así como para a difusión dos materiais gráficos e audiovisuais da campaña Prepárate para entenderme. Pola súa banda, FADEMGA comprométese á formación das persoas con discapacidade intelectual e dos familiares que van realizar as visitas aos centros de saúde; o deseño e elaboración dos carteis e vídeos de sensibilización da campaña Prepárate para entenderme así como os consentimentos e autorizacións preceptivas para uso e cesión das imaxes.
O convenio de colaboración asinado hoxe entre o Sergas e FADEMGA Plena inclusión Galicia estará vixente ata o 31 de decembro deste ano, aínda que poderá prorrogarse por un ano máis.