Santiago acolleu este venres a celebración do 1º Encontro de clubs de lectura fácil, onde máis de 100 persoas se reuniron para reivindicar a importancia de eliminar as barreiras cognitivas, puidendo así garantir que as mensaxes e a información que ofrecemos sexan comprendidas polo conxunto da cidadanía.
Durante o encontro, puidemos coñecer experiencias e boas prácticas sobre accesibilidade cognitiva, sobre lectura fácil e mesmo sobre os novos clubs de lectura que tanto se están a medrar nos últimos anos a través de entidades e bibliotecas da nosa contorna, grazas en parte ao traballo e colaboración que están a levar a cabo asociacións e editoriais como BATA e a editorial Kalandraka, Galaxia con Juan XXIII, ou a editorial SM coa edición da colección de Lectura Fácil de El Barco de Vapor.
O presidente de FADEMGA Pena inclusion Galicia, Eladio Fernández, quixo recalcar o importante papel das bibliotecas públicas e bibliotecas escolares, na promoción de espazos de lectura fácil para as persoas con discapacidade intelectual ao tempo que animou ás editoriais a facer unha aposta por este tipo de materiais adaptados e poder así aumentar de maneira progresiva o catálogo de títulos dispoñibles.
Igualmente, destacou que o acceso á información en lectura fácil é un dereito reflexado na Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU así como na Lei 10/2014 do 3 de decembro de accesibilidade de Galicia, onde se fai referencia por primeira vez na nosa comunidade á necesidade de ter en conta a lectura fácil para mellorar a información nos espazos públicos, a información de seguridade e como sistema de comunicación e sinalización en edificios.