Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar esta mañá a adxudicación de prazas reservadas en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual, na categoría de ordenanza.

Das 6 prazas ofertadas, 5 son adxudicatarias de persoas que recibiron formación específica para a superación dos procesos selectivos, así como apoios, asesoramento e información da Área de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Estes resultados respaldan novamente o bo facer así como a calidade dos servizos ofertados pola nosa Área de Emprego, que dende hai máis de 10 anos traballa diariamente desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.

Durante o proceso de preparación da proba, a federación facilitou formación para o exame, pero tamén ofreceu apoio aos opositores en todo o proceso; desde a formalización da solicitude ata a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso ademais de acompañalos ao lugar onde se realizaron os exames.

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra estes resultados tan satisfactorios e felicita a tódolos alumnos que conseguiron praza polo seu esforzo e entusiasmo, así como a cada un dos alumnos con discapacidade intelectual que prepararon este proceso selectivo, e anímaos a continuar coa súa preparación de cara a vindeiras convocatorias da Administración Xeral do Estado e da Xunta de Galicia.

:: O emprego: factor clave para a inclusión das persoas con discapacidade intelectual

Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA Plena inclusión Galicia defende dende hai anos a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (onde se demostren que se posúen os coñecementos básicos para a execución do posto de traballo ofertado), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a integración destes traballadores.

A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións da Federación Galega. Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.

:: Os beneficios do emprego para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual

Na nosa sociedade, dispor dun traballo é unha das vías para incluírnos socialmente e medrar persoalmente. Por tanto, o emprego para as persoas con discapacidade intelectual é de gran importancia para que podan estar incluídos, como calquera outra persoa, na sociedade. Ademais, auméntase a calidade das interaccións sociais e poden independizarse economicamente.

Dende FADEMGA Plena inclusión estamos convencidos dos beneficios da inclusión laboral e seguiremos a peristir na constante procura do benestar e calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.