Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

“Por que ti podes ler e eu non?” Esta é a pregunta que moitas persoas con discapacidade intelectual fanse ao non poder acceder á lectura.

A accesibilidade cognitiva é un termo descoñecido para a maioría da sociedade. Sen embargo, trátase dunha ferramenta fundamental para facer o mundo máis fácil de entender para todos e todas, de maneira que aquilo que nos rodea, ben sexa información, sinalización dun edificio, unha sentenza ou unha páxina web, sexa fácil de comprender para todas as persoas.

Esta é unha das facetas máis descoñecidas da accesibilidade universal, pero para avanzar nesta liña, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia promovemos a adaptación de todo tipo de información a lectura fácil, co fin de responder á demanda que había de realizar textos máis comprensibles, e reivindicar na sociedade ese dereito á información e a poder comprender o mundo.

:: A lectura fácil: un dereito chave

A lectura fácil é un método que adapta os textos e documentos para aquelas persoas que teñen problemas de comprensión. Segundo a Organización Mundial da Saúde, o 30% da poboación ten dificultades para entender algúns tipos de información. Os libros en lectura fácil permiten a persoas con discapacidade intelectual acceder á cultura e gozar da lectura.

A lectura fácil permítenos acceder ao emprego, á saúde, á cultura... Por iso o denominamos dereito chave, porque nos abre a porta a outro tipo de dereitos. Para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento é unha necesidade importante, porque sen ela non poderían acceder á información e, se non accedes á información, non podes participar nin estar incluído na sociedade.

Por todo iso, con motivo do Día do Libro, dende FADEMGA Plena inclusión reivindicamos máis lectura fácil e, en xeral, un mundo máis fácil de entender.

:: 1º Encontro de Clubs de lectura fácil

Coincidindo con esta semana de celebración do Libro, dende a federación tamén poñermos en marcha a 1ª Xornada de Clubs de Lectura Fácil, unha iniciativa coa que pretendemos visibilizar a importancia de adaptar a información e a cultura, que terá lugar o próximo 27 de abril no Hotel Congreso e onde coñeceremos experiencias e boas prácticas sobre accesibilidade cognitiva, sobre lectura fácil e mesmo sobre os novos clubs de lectura que tanto están a medrar nos últimos anos a través de entidades e bibliotecas da nosa contorna.