Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Máis de 200 persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia presentáronse este sábado ao primeiro exame para o posto de uxier que o Parlamento de Galicia convocou en exclusiva para este colectivo.

En palabras de Eladio Fernández, presidente da Federación Galega de Asociacións de persoas con discapacidade intelectual "en FADEMGA Plena inclusión conseguimos un reto polo que levamos anos loitando: que as persoas con discapacidade intelectual poidan presentarse ás oposicións para funcionarios públicos. Logramos que se cren prazas en exclusiva para o colectivo e esperamos que se sigan producindo avances importantes, como a próxima convocatoria de prazas para o SERGAS".

O presidente da Federación tamén quixo destacar a gran representatividade de FADEMGA á hora de preparar aos aspirantes a esta praza de uxier "das 200 persoas con discapacidade intelectual que se presentarán o sábado ao exame do Parlamento, 159 persoas confiaron na nosa Federación para preparase, pois saben que en FADEMGA Plena inclusión traballamos co obxectivo de potenciar as habilidades de cada persoa con discapacidade intelectual".

O Parlamento únese así a esta corrente iniciada o ano pasado pola Xunta de Galicia, cando se realizaba o primeiro exame de oposicións á Administración pública galega reservada exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual, e onde participaron máis de 400 persoas con esta discapacidade.

Igualmente, desde FADEMGA Plena inclusión esperamos poder colaborar co Parlamento á hora de prestar apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e á contorna laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levaremos a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que incluirá formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo.