En España, as mulleres con discapacidade intelectual seguen sendo un colectivo invisible, que vive formas diversas de discriminación que se agravan respecto das do resto de mulleres: no fogar e a educación, no emprego, como vítimas de malos tratos e violencia de xénero, da esterilización forzada, da incomprensión e a falta de acceso aos mecanismos de denuncia e prevención… Ademais, sofren falta de oportunidades de participar en organizacións e actividades dirixidas a mulleres, tanto na comunidade, como nas súas propias asociacións.
A través do noso Programa de Muller, en FADEMGA Plena inclusión Galicia ofrecemos apoio a estas mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, co fin de que poidan tomar conciencia dos seus dereitos e estar capacitadas para previr e, no seu caso, denunciar situacións de discriminación.
Con motivo do Día Internacional da Muller, en FADEMGA Plena inclusión Galicia facemos un chamamento á participación de todas as mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento nos diferentes actos, concentracións e manifestacións convocados polos colectivos feministas o 8 de marzo. No mesmo anímaselles a tomar conciencia que a loita pola igualdade de xénero é tamén a súa loita. A igualdade entre mulleres e homes é un dos principios xerais (art. 3) que inspiran a Convención da ONU sobre dereitos das persoas con discapacidade, da que España é un dos Estados asinantes.
No seu artigo 6, afirma que estes Estados Partes deben recoñecer “que as mulleres con discapacidade están suxeitas a múltiples formas de discriminación e, a ese respecto, adoptarán medidas para asegurar que poidan gozar plenamente e en igualdade de condicións de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais”. Ademais, no artigo 8, establécese o compromiso de “loitar contra os estereotipos, os prexuízos e as prácticas nocivas respecto das persoas con discapacidade, incluídos os de xénero ou idade, en todos os ámbitos da vida”. Por último os artigos 16 e 17 falan da “protección contra a explotación, a violencia e o abuso” e de salvagardar “a integridade persoal” tanto física como mental.