O centro de A Banca en Santiago de Compostela, acolleu este martes a presentación da “Guía xurídica en lectura fácil. Titor e tutelado. Dereitos e obrigas” editada por FADEMGA Plena inclusión Galicia. A Guía convértese así nun importantísimo instrumento de información accesible para facilitar a plena participación das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias na Xustiza, pois este é un dereito universal ao que todos debemos acceder en igualdade de condicións.
A presentación desta nova Guía correu a cargo de Manuel Costa Carneiro, Asesor de Programas Educativos da Consellería de Educación, de Concha Fernández Fernández, Concelleira de Politica Social Diversidade Saúde e Centros cívicos do Concello de Santiago, así como de Eladio Fernández Pérez, presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Durante a súa intervención, o presidente da Federación quixo destacar a importancia de “explicar nunha linguaxe de fácil comprensión, diferentes aspectos que ocupan e preocupan a familias e persoas con discapacidade intelectual como son o dereito ao voto, o dereito á imaxe, o internamento involuntario, a modificación da capacidade de obrar ou a responsabilidade civil e penal.”
Igualmente, fixo fincapé na necesidade dunha maior formación “pois é vital que os axentes xurídicos dispoñan dos coñecementos necesarios para unha adecuada asistencia a persoas con discapacidade intelectual, evitando así a vulneración dos seus dereitos fundamentais”.
Pola súa banda a Concelleira de Política Social, Concha Fernández animou a que “tódalas asociacións continuedes esixíndonos aos políticos que estemos aquí para apoiarvos en iniciativas como estas, que nos fan avanzar no camiño da igualdade real de dereitos e oportunidades”.
Durante o acto de presentación, tamén puidemos contar cos testemuños de persoas con discapacidade que nos falaron da súa experiencia loitando por recuperar o dereito ao voto así como da iniciativa pioneira de Plena inclusión Asturias na adaptación de sentenzas a lectura fácil.