Onte 30 de outubro de 2017 comezou a difundirse a través das redes sociais unha fotografía dun documento elaborado pola nosa Federación, con instrucións para cumplimentar un exame. Trátase dunha fotografía manipulada, na que se recolle unicamente parte do contido total da comunicación.
A raíz deste documento, difundíronse comentarios ofensivos infundados cara a nosa organización, e sobre os cales nos gustaría realizar algunhas aclaracións.
• As instrucións non son para os exames que realiza FADEMGA Plena inclusión Galicia. Son as instrucións para o primeiro exame de oposicións específico para persoas con discapacidade intelectual da Xunta de Galicia. Como todo o mundo coñece, os exames da Xunta obrigatoriamente teñen que ofrecer a posibilidade de realizalo en galego e en castelán. Se un opositor cubre un dos cuestionarios nunha das linguas non pode cubrir o outro. No caso contrario o exame quedaría anulado. En ningún caso é FADEMGA Plena inclusión Galicia a que lle suspende o exame ao alumno por realizalo en galego.
• As persoas con discapacidade intelectual adoitan ter moitos problemas de comprensión lectora especialmente en lingua galega, debido a que habitualmente estas persoas non chegan a superar a súa etapa na educación obrigatoria ou son persoas que pola súa idade non tiveron a formación suficiente en lingua galega a nivel normativo.
• Moitos dos alumnos teñen unha mellor comprensión lectora en castelán que en galego, pola súa propia situación persoal. Neste sentido, son os propios alumnos os que escollen en que lingua fan o exame de oposicións da Xunta. De ningunha maneira se vulneran os dereitos lingüísticos dos alumnos. No caso concreto do que se está a falar nas redes sociais, trátase dun reducido grupo de alumnos castelán falantes que voluntariamente prefiren realizar o exame de oposicións en castelán.
• FADEMGA Plena inclusión Galicia non imparte clases de galego nin de castelán. Imparte formación ocupacional, prelaboral e para a preparación de oposicións. A Federación da liberdade absoluta aos seus docentes para expresarse na lingua que o desexen e para facer os exames internos, dinámicas e actividades en calquera das dúas linguas.
• De ningunha maneira FADEMGA Plena inclusión Galicia condiciona aos alumnos nin en que lingua expresarse nin en que lingua responder os exames ou os exercicios.
• Dende a Federación non só facilitamos materiais en castelán e galego. Tamén os adaptamos a lectura fácil ou facilitamos pictogramas no caso de ser preciso.
• A metodoloxía pedagóxica para as persoas con discapacidade intelectual precisa dunha atención personalizada e individualizada, centrada nas habilidades e necesidades de cada persoa. O documento difundido realiza aclaracións moi concretas e detalladas unicamente dirixidas a un grupo reducido de persoas con necesidades de apoio similares, polo que non é extrapolable á todala formación que imparte a Federación. Os comentarios que realizan moitas persoas e organizacións nas redes sociais manifestan un profundo descoñecemento das persoas con discapacidade intelectual e das súas necesidades educativas, feito que ao noso colectivo nos entristece e preocupa profundamente.
• En canto á acusación de desprezo pola lingua galega que segundo "A Mesa pola Normalización Lingüística" facemos na Federación, quixéramos sinalar que en ningún momento "A Mesa" se puxo en contacto connosco para contrastar a información. Unicamente basea as súas descalificacións á nosa organización nunha fotografía colgada nun perfil de FACEBOOK sen unhas mínimas garantías de veracidade.
• Lonxe de despreciar a cultura e a lingua galega, calquera persoa que coñece a FADEMGA Plena inclusión Galicia sabe que toda comunicación externa, comunicación interna, notas de prensa, boletíns informativos, protocolos internos de actuación, sistema de xestión da calidade, páxina web, rexistros dos seus traballadores.... son redactados en galego.
Lamentamos profundamente esta situación, e agradecemos especialmente ás persoas que manifestaron nas redes sociais o seu respecto e apoio á labor da Federación, ao tempo que denunciamos as calumnias vertidas por moitas persoas e entidades que faltan ao repecto ao noso compromiso e traballo en prol das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.
Cremos que moitas destas persoas débenlle unha desculpa ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que se sentiron insultadas (como así nolo fixeron saber) por algúns dos comentarios vertidos nas redes.