Baixo o lema “Dálle unha volta”, máis de 800 persoas con discapacidade intelectual de 7 comunidades autónomas -entre elas Galicia- reuníronse con alcaldes e concelleiros para reclamar un maior compromiso das administracións locais coa accesibilidade cognitiva. En Galicia, esta acción reivindicativa foi respaldada por 79 persoas con discapacidade intelectual, das asociacións Amicos, Nosa Señora de Chamorro, Aceesca, Centro Juan María e a Asociación Juan XXIII.
Nesta acción, as persoas con discapacidade intelectual leron un comunicado e entregaron un documento reivindicativo no que explican non só o que é a accesibilidade cognitiva, senón en que áreas da súa vida é necesaria, porque “sen accesibilidade, non podemos exercer os nosos dereitos como cidadáns.
O dereito á información perténcenos a todas as persoas”. 3 de cada 10 persoas poden ter dificultades para comprender a información e as contornas comunitarias. A accesibilidade cognitiva é necesaria para incluír a todas as persoas, ao tempo que resulta unha magnífica ferramenta para comprender o mundo.
Con motivo desta reivindicación, as persoas con discapacidade intelectual quixeron recordarlle aos representantes políticos que o próximo 4 de decembro todos os edificios públicos teñen que ser accesibles, e que a pesar de que se está a traballar na accesibilidade física e sensorial, a accesibilidade cognitiva segue sendo “a gran descoñecida”.
FADEMGA Plena inclusión Galicia e a Confederación Plena inclusión, proponen a través desta acción varias áreas nas que os Concellos poden traballar para mellorar a accesibilidade: as rúas, edificios, colexios, institutos, universidades, restaurantes, bares, comercios, biblioteca, o transporte público, centros de saúde, leis e normativas, información sobre axudas e subvencións…. Sen dúbida, unha tarefa que as administracións públicas teñen a obriga de acometer: que todos e todas podamos comprender a cidade e a contorna na que vivimos.