Os profesionais da Área de Emprego e Formación de FADEMGA Plena inclusión Galicia Paula Álvarez e José Manuel Fernández, participaron como poñentes este martes no Foro ECA – Euskadi, acompañados polo xerente da Federación, Antonio Fuentetaja, e polo director de Plena inclusión Enrique Galván.
Durante a súa intervención, fixeron un repaso pola experiencia da Federación na formación, asesoramento e apoio de persoas con discapacidade intelectual que aspiran a conseguir un posto de persoal laboral fixo. Tamén abordaron as diferentes actuacións a desenvolver para fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual e sobre a importancia do apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.
O Foro ECA organízase cada ano co obxectivo de impulsar e visibilizar a metodoloxía do emprego con apoio, unha metodoloxía de capacitación e formación individualizada no posto de traballo. O Foro tamén pretende promover novas actuacións no ámbito da formación e innovación, unificar procedementos de intervención e impulsar entre todos a inserción laboral nas Administracións Públicas.
Día a día, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia traballamos para atopar a cada persoa o lugar de traballo adecuado ás súas capacidades no mercado, posto que consideramos que a integración laboral é imprescindible para mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade intelectual. O emprego con apoio é, a final de contas, unha ferramenta para axudar ás empresas a facer realidade a incorporación das persoas con discapacidade nos seus persoais e que o fagan contando co respaldo das entidades e dun equipo de profesionais que lles ofrecerán asesoramento, orientación e seguimento.