A escola galega de administración pública (EGAP), acolleu onte en Santiago a terceira xornada do proxecto "Todos Somos Todos" que o movemento asociativo Plena inclusión puxo en marcha para visibilizar ás máis de 63.000 persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio que hai en España, e que chegou á nosa Comunidade despois do seu paso polas cidades de Cidade Real e Pamplona.
A inauguración contou coa presenza da Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, que resaltou a "necesidade de visibilizar ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade" así como co director de Plena inclusión Enrique Galván que agradeceu "a presenza de todas as familias, pois elas son a base do noso movemento asociativo". Ambos estiveron acompañados pola vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia Carmela González e o presidente Eladio Fernández.
Trala inauguración oficial, familiares das entidades de ACEESCA, ASPANANE e ASPRONAGA foron os encargados de ler o posicionamento de "Todos Somos Todos" no que se abordan as metas a alcanzar para as persoas con grandes necesidades de apoio e as súas familias, así como as propostas do Movemento Asociativo para alcanzar as ditas metas. A continuación, Antonio Naya, membro da UDS da Federación e profesional de ASPRONAGA, fixo unha breve presentación do proxecto "Todos Somos Todos" en Galicia.
Esta introdución foi ampliada, xunto con datos do estudo realizado sobre este colectivo, por Nines López e Berta González, de Plena inclusión España, quen abordaron os dereitos e a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio, seguidas de Mónica Santos, profesional de BATA, coa súa aproximación ao Apoio activo e de Javier García, xerente da entidade ASPAS quen nos falou sobre os modelos de vivenda e vida en comunidade que puideron observar na súa visita a entidades de Gales.
Ao longo da tarde fóronse presentando nos relatorios e talleres, boas experiencias relacionadas cos apoios e os plans de vida das persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio, a través de diferentes vídeos con casos reais de usuarios de diferentes entidades galegas. Membros da UDS de persoas con grandes necesidades de apoio pecharon o evento coas conclusións das xornadas.
En total, máis de 100 persoas participaron nesta xornada organizada para dar voz a estas persoas e as súas familias, investigar nas súas diversas situacións vitais e naqueles modelos de apoio que se comprobou que están a funcionar en todo o mundo, co fin de xerar modelos de referencia para as nosas organizacións.