Co obxectivo de visibilizar o colectivo de persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio, FADEMGA Plena inclusión Galicia entregou esta mañá ao presidente do Parlamento D. Miguel Ángel Santalices Vieira o estudo “Todos Somos Todos” realizado polo Instituto Universitario de Integración na Comunidade (INICO) así como polo Real Padroado da Discapacidade. .
O proxecto “Todos Somos Todos”, é unha iniciativa posta en marcha para visibilizar e empoderar a aquelas persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen maiores necesidades de apoio debido a situacións asociadas a esta discapacidade, caso de mobilidade reducida, trastornos da saúde mental ou dificultades de comunicación entre outras. Estas persoas son aínda en gran medida invisibles para o conxunto da sociedade así como para políticos e lexisladores e teñen un déficit de dereitos aínda maior que o do resto de persoas con discapacidade intelectual, así como menores oportunidades de incluírse na súa comunidade.
Iso condúceas inexorablemente a estilos de vida asistenciais, en contornas segregadas e con poucos incentivos para gozar dunha boa vida na comunidade. A presentación realizada no Parlamento antecede á xornada que acollerá mañá mércores a EGAP (Escola Galega de Administración Pública) onde familiares e profesionais de todo o movemento asociativo da discapacidade intelectual en España, reuniranse para coñecer historias de vida e superación de persoas con discapacidade intelectual e familias que afrontan esta realidade día a día.
:: Datos que poñen de manifesto as grandes necesidades do colectivo
Tal e como desprenden datos do Estudo un 98,6% deste colectivo precisa de coidados persoais, sendo estes proporcionados pola familia no 95% dos casos. Esto conleva un gran desgaste físico e psicolóxico que require de respostas firmes de apoio, pois acompañar na súa traxectoria a unha persoa con gran discapacidade, é a carreira máis dura á que poden enfrentarse as familias.
Neste sentido a federación defende a necesidade de impulsar e apoiar servizos como o de respiro familiar, (onde se traballa para diminuír na medida do posible a tensión dos coidadores e promovendo o desenvolvemento dunha vida familiar e social o máis satisfactoria posible) complementarios con outras figuras como a do educador familiar (que presta apoios no propio domicilio).
No referente ás persoas con discapacidade intelectual e unha enfermidade mental asociada, a análise da realidade en comunidades autónomas pon de manifesto que vivimos nun país no que en comunidades como Madrid ou Cataluña existen servizos específicos integrados na rede sanitaria para este colectivo, mentres que noutras comunidades como Galicia, Asturias, Murcia ou Valencia, non se fai mención algunha ao respecto.
:: Formación, información e inclusión social
As persoas con discapacidade intelectual e maiores necesidades de apoio tamén sofren un deterioro das súas relacións, o que dificulta aínda máis a súa inclusión social. As propias persoas con discapacidade sinalan a pouca ou ninguna oportunidade que teñen para facer novas amistades, carecendo de oportunidades para relacionarse e realizando actividades pasivas no seu tempo libre. Isto é un exemplo significativo do amplo marxe de mellora que existe no ámbito da inclusión social do colectivo.
Por outra banda, urxe poñer en marcha sistemas de formación e información tanto aos profesionais sanitarios de atención directa (para mellorar a atención sanitaria e axudar a reducir a carga soportada polas familias) como ás propias familias. Igualmente, reclamamos a necesidade de fomentar e promocionar investigación, coa financiación adecuada, para mellorar as estratexias de apoio á poboación con discapacidades intelectuais máis significativas.