Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe os convenios de colaboración nominativos coas 11 entidades de discapacidade de Galicia destinados ao mantemento das súas estruturas e á realización de programas de interese xeral. A través deles, a Xunta de Galicia destina 3,5 millóns de euros, unha contía que repercutirá de xeito directo en 100.000 persoas que se beneficiarán dos programas e actividades que desenvolvan as entidades. O orzamento total se distribuirá entre once federacións que aglutinan a 150 asociacións.

Estas son Autismo Galicia, que en virtude deste convenio recibirá 155.044€; COGAMI obterá 946.012€; Down Galicia recibirá 446.838€; a achega da administración autonómica para FAXPG ascenderá a 723.644€; FEAFES- Galicia obterá 588.434€; FEGADACE recibirá 211.511€; a axuda destinada a FADEMGA Plena Inclusión Galicia ascenderá 198.571€ e tanto ASPACE como FAGAL recibirán 85.000.

As dúas entidades non adscritas ao CERMI, ASPAYM e FEGEREC, recibirán 42.992€ e 22.200€ respectivamente. Con este investimento, mantense o compromiso adquirido pola Xunta de Galicia en canto á blindaxe do financiamento destinado ao mantemento das entidades de discapacidade. “Elas son unha peza fundamental de cara a asesorar, representar, axudar e fomentar a inclusión social das persoas con discapacidade física, psíquica ou sensorial e por elo, hoxe renovamos o noso compromiso con elas”, explicou Rey Varela tras a sinatura.

Ademais das propias entidades e dos seus usuarios, este acordo tamén repercute na totalidade do colectivo de persoas con discapacidade en Galicia, que representa ao redor do 8% da poboación (máis de 227.000 persoas). “Coa intención de chegar a todo o colectivo, estes convenios de colaboración están destinados a federacións que teñen un eido de atención específico para a súa área de discapacidade, e polo tanto, desenvolven actividades distintas con persoas xordas, con síndrome de Down, con parálise cerebral ou Alzheimer entre outras discapacidades”, engadiu o conselleiro.