Desde o ano 2001 a Campaña Mundial pola Educación (CME) celebra a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME). É unha semana, normalmente en abril, onde os máis de 124 países que traballamos por garantir o dereito á educación, mobilizámonos para chamar a atención da comunidade educativa, dos medios de comunicación, da sociedade en xeral e especialmente, dos representantes políticos sobre a necesidade de facer real e efectivo o dereito a unha educación de calidade para todos e todas no mundo.
A CME está composta pola ONG EDUCO, Entreculturas e Axuda en Acción (que asume a coordinación). Outras organizacións relacionadas dunha ou outra maneira co ámbito educativo colaboramos cada ano no desenvolvemento e difusión da SAME a través dos nosos equipos estatal e territoriais: Plena inclusión, Fundación Cultura de Paz, Plan Internacional, Intered, Alboan, Scouts, Federación de Centros Católicos, CCOO Ensino, STEs Intersindical, FETE UXT Ensino e Proxecto Solidario pola Infancia.
Este ano celebraremos a SAME 2017 do 24 ao 29 de abril, e trataremos de familiarizarnos coa nova axenda dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e especialmente co ODS4, centrado no dereito á educación. Gustaríanos sobre todo destacar a importancia de que a cidadanía esixa aos representantes políticos que rendan contas polo cumprimento do ODS4, e que participe activamente nos procesos necesarios para que o dereito a unha educación inclusiva, equitativa e de calidade sexa unha realidade.
En España, haberá actos de mobilización en máis de 28 cidades, onde se prevé a participación de máis de 10.000 persoas, entre estudantes, docentes e activistas. Durante todo o ano, máis de 150 centros educativos e grupos de educación non formal estiveron traballando unidades didácticas ao redor da Axenda 2030 de Educación e a importancia tanto da rendición de contas dos Gobernos como da participación cidadá no desenvolvemento destes procesos. Serán eles mesmos os que levarán a cabo os actos de reivindicación na rúa, levando a figura dunha man co índice levantado para pedir a palabra pola educación así como pancartas con lemas que recollan as súas peticións/opinións relativas ao cumprimento da Axenda 2030 de Educación/ODS4.
Hai moitas formas de sumarse á SAME. Na páxina www.cme-espana.org publicaranse as diferentes propostas para que o maior número de persoas sómense a este proxecto de apoiar unha educación de calidade para todos e todas.
En redes sociais, difundiranse as diferentes accións baixo os hashtags #PorLaEducación e #SAME2017.