Na súa mensaxe con motivo do Día Internacional da Muller 2017, ONU Mulleres afirma: “queremos construír un mundo do traballo distinto para as mulleres. A medida que crecen, as nenas deben ter a posibilidade de acceder a unha ampla variedade de carreiras, e debemos alentalas a realizar eleccións que as leven máis aló das opcións tradicionais…”
O colectivo de mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento vive unha situación de especial discriminación no ámbito laboral: só una de cada 10 atópase ocupada, sobre o 40% de homes (1). Esta situación é especialmente desalentadora entre aquelas mulleres con discapacidade intelectual que teñen grandes necesidades de apoio.
Segundo o estudo “Todos Somos Todos. Dereitos e calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e grandes necesidades de apoio”, estímase que en España hai actualmente 12.310 mulleres nesta situación e en idade de traballar, das cales só tería traballo un 1%, é dicir, un total de 123. Detrás destes datos escóndese unha dura realidade: a maioría de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que teñen grandes necesidades de apoio viven en contornas con escasas posibilidades de desenvolvemento persoal e profesional.
Á maioría destas persoas presupónselles desde o seu nacemento unha incapacidade para contribuír á comunidade na que viven. Dende o noso movemento asociativo, reclamamos o dereito fundamental destas persoas ao emprego como base da súa inclusión social. Un dereito que debería garantirse sen presupor unhas capacidades concretas que determinan quen é “empregable” e quen non.
Para iso, a nosa organización aposta por indagar en prácticas e estratexias que permitan a calquera persoa atopar os seus talentos para satisfacer necesidades do mercado laboral e conectalos co mundo das empresas.
(1). Datos solicitados por Plena inclusión e a súa entidade membro AEDIS a partir da enquisa do INE “O Emprego das persoas con discapacidade (2014)”.