A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, asinou hoxe en Santiago un convenio de colaboración coa Organización Nacional de Ciegos Españoles (ONCE), a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Fademga Plena Inclusión Galicia e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para avanzar na elaboración dun Informe Extraordinario sobre accesibilidade.
En virtude do acordo, as catro entidades colaborarán coa institución do Valedor do Pobo coa realización de comprobacións sistematizadas sobre os niveis de accesibilidade no medio urbano e rural da comunidade. O informe abordará a accesibilidade desde un punto de vista moi amplo, de aí a necesidade de dispor de apoio técnico das entidades asinantes. A ONCE encargarase de realizar o estudo da accesibilidade que afecta de xeito singular ás persoas con discapacidade visual. FADEMGA, pola súa banda, efectuará comprobación sobre os problemas que neste ámbito afectan ás persoas con discapacidade intelectual.
A Federación de Asociacións de Xordos centrará a atención nas barreiras que afectan ás persoas con discapacidade auditiva. COGAMI encargarase das persoas con mobilidade reducida e redactará o documento final de todas as entidades, que se incorporará como No acto de firma celebrado hoxe na biblioteca do Valedor do Pobo, estiveron presentes Manuel Martínez Pan, delegado territorial da ONCE; Anxo Antón Queiruga Vila, presidente de COGAMI; Eladio Fernández Pérez, presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia e Iker Sertucha Lista, presidente da FAXPG.
En virtude do convenio, o Valedor do Pobo comprométese a sufragar os gastos derivados do desenvolvemento dos traballos despregados polas entidades por un importe total de 30.000 euros. O ano 2020 será un momento clave para Europa xa que se alcanza o horizonte da Estratexia Europea sobre discapacidade 2010-2020 que, como obxectivo xeneral, persegue o acceso das persoas con discapacidade, nas mesmas condicións que o resto da poboación, á contorna física, ao transporte, ás tecnoloxías e os sistemas da información e as comunicacións (TIC), e a outras instalacións e servizos.
Tanto en España como en Galicia o 2017, ano elixido polo Valedor do Pobo para elaborar este informe, será relevante nesta materia. A nivel estatal porque o 4 de decembro de 2017 é a data límite para que todos os edificios cumpran coas condicións de accesibilidade emanadas do Código Técnico de Edificación. En Galicia, porque a entrada en vigor da Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, outorgou á Xunta de Galicia dous anos para aprobar o seu regulamento de desenvolvemento e o código de accesibilidade que contemple todas as normas técnicas aplicables neste ámbito. O discurso que indica que a accesibilidade debe substituír á discapacidade nun prazo curto de tempo é incontestable.
A contribución do Valedor do Pobo pasa pola necesidade de realizar unha diagnose das dificultades de accesibilidade física e sensorial que afectan ás persoas na comunidade. O convenio asinado hoxe supón un importante punto de partida.