A Facultade de Psicoloxía de Santiago, acolleu esta mañá o "10º Seminario sobre discapacidade intelectual e saúde mental", organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia, coa colaboración do Grupo de Traballo de Trastornos Mentais e/ou alteracións de conduta.
Durante a inauguración, a vicepresidenta da Federación, Carmela González, destacou que "xornadas como esta son moi necesarias, pois as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento con grandes necesidades de apoio que presentan alteracións da saúde mental, contan cunhas características clínicas diferentes, o que dificulta o seu diagnóstico e tratamento e require un maior esforzo dos profesionais."
Pola súa banda, a Concelleira de Servizos Sociais de Santiago, Concha Fernández, agradeceu que a federación "escollese un ano máis a Facultade de Psicoloxía, onde eu estudei, para organizar unha xornada tan importante como esta"
10 anos de Seminario
O Seminario da Discapacidade permite cada ano traballar na mellora dos apoios que reciben na nosa comunidade as persoas con discapacidade intelectual e con trastornos mentais e/ou alteracións de conduta asociados, dando resposta ás necesidades do colectivo a través de diferentes relatorios e talleres prácticos.
A través deste tipo de encontros, FADEMGA Plena inclusión Galicia busca a implicación de maneira activa, da Administración e profesionais (psiquiatras das Unidades de Saúde Mental do SERGAS e demais profesionais vinculados como logopedas, psicólogos etc) para asegurar o dereito a unha atención, un apoio e un tratamento idóneo. Este seminario é o inicio da campaña que desde o movemento de Plena inclusión iniciaremos a próxima semana en todo o territorio nacional, dedicada a visibilización das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento con grandes necesidades de apoio ("Todos somos todos").