Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

A web do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ven de publicar a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo, e aos que se lles adxudican as prazas de persoal laboral fixo na categoría de Ordenanza (convocada de maneira específica para persoas con discapacidade intelectual) O Ministerio convocaba en decembro estes 70 postos na Administración do Estado, 6 deles en Galicia (2 en Ourense, 2 en Pontevedra 1 na Coruña e 1 en Lugo).

Hoxe, vimos de coñecer a adxudicación das prazas, recaendo a totalidade de postos ofertados en Galicia en alumnos do noso servizo de emprego. A maiores detas 6 prazas obtidas en Galicia, tamén se suman dúas máis, conseguidas por aspirantes formados por FADEMGA nas localidades de Tarragona e Castellón.

 Estes resultados respaldan o traballo e bo facer do Servizo de Emprego de FADEMGA Plena inclusión Galicia na formación das persoas con discapacidade intelectual que aspiran a conseguir un posto de persoal laboral fixo. Trátase dun Servizo que a federación oferta dende hai máis de 10 anos, e onde traballamos diariamente desenvolvendo actuacións orientadas a fomentar o emprego das persoas con discapacidade intelectual, así como o apoio a todas aquelas que xa o teñen e queren mantelo.

Durante o proceso de preparación da proba, a federación facilitou formación para o exame, pero tamén ofreceu apoio aos opositores en todo o proceso; desde a formalización da solicitude até a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso ademais de acompañalos ao lugar onde se realizaron os exames. FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra estes resultados tan satisfactorios e felicita a tódolos alumnos que conseguiron praza polo seu esforzo e entusiasmo, así como ás máis de 100 persoas con discapacidade intelectual que prepararon este proceso selectivo, e anímaos a continuar coa súa preparación de cara a vindeiras convocatorias da Administración Xeral do Estado e da Xunta de Galicia.

:: O emprego: factor clave para a integración das persoas con discapacidade intelectual

Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA Plena inclusión Galicia defende dende hai anos a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (onde se demostren que se posúen os coñecementos básicos para a execución do posto de traballo ofertado), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a integración destes traballadores. A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións da Federación Galega.

Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.