Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

- Das 425 persoas admitidas, un total de 241 (un 56.71% do total) reciben formación e/ou apoios de FADEMGA Plena inclusión Galicia

- A Xunta reserva a este colectivo seis prazas de emprego público, e na Oferta de Emprego deste ano o Goberno galego aumentou a 33 o número de prazas

Un total de 425 persoas foron admitidas para participar nas primeiras oposicións da historia da Xunta reservadas especificamente para persoas con discapacidade intelectual, tal como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). As listas son provisionais e inclúen os aspirantes admitidos no proceso selectivo convocado en marzo, e que inclúe seis prazas na categoría 003 –ordenanza e outras- do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta.

Estas listas tamén inclúen todas as persoas aspirantes que foron excluídas e a causa de exclusión. As persoas interesadas poden consultar as relacións de admitidos e excluídos no portal web funcionpublica.xunta.gal. A relación de excluídos pódese consultar tamén no Diario Oficial de Galicia. Desde o día seguinte á publicación no DOG da resolución pola que se aproban e se fan públicas as listas, as persoas interesadas dispoñen de dez días hábiles para presentar reclamacións.

 Para realizar este proceso, a Consellería de Facenda asinou en marzo un acordo con representantes de FADEMGA Plena inclusión Galicia e Down Galicia, para facilitar a entrada deste colectivo na Xunta de Galicia. Como peculiaridade deste proceso selectivo respecto ao resto das oposicións xestionadas pola Dirección Xeral da Función Pública, foi necesaria a colaboración da Consellería de Política Social e dos órganos equivalentes doutras comunidades autónomas na valoración dos informes sobre o tipo de discapacidade dos aspirantes.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións presentadas, a Dirección Xeral da Función Pública dará a coñecer as listas definitivas de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia. 33 prazas máis ofertadas este ano Estas oposicións son as primeiras da historia da Xunta de Galicia que son reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de facilitar a inserción laboral deste colectivo na Administración autonómica. De feito, a Oferta de Emprego Público para 2016 incrementou o número de prazas ofertadas respecto ao ano anterior, ata chegar a 33 prazas.

Delas, 17 son para celadores do Sergas, 12 para funcionarios subalternos e 4 para o corpo auxiliar (grupo C2).

Adaptación ao contorno laboral Para facilitar a adaptación ao seu novo contorno laboral, a Xunta realizará accións de formación e orientación sociolaboral previas ao ingreso ou no ano de inicio da prestación de servizos na Administración galega, como accións de apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional. Entre as actuacións máis relevantes que se levarán a cabo están a realización de cursos de formación específicos previos ao ingreso, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio do persoal de Fademga e Down Galicia. Prestarase tamén apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo e ao contorno laboral dos traballadores con discapacidade intelectual. Ademais, levarase a cabo un seguimento do desempeño da actividade laboral que incluirá formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo.