Máis de 400 persoas de toda España e de Reino Unido, Romanía, Arxentina, Chile e Uruguai asistiron no Reitorado da Universidade de Córdoba ao 1º Encontro Prácticas Admirables, organizado pola Confederación Plena Inclusión, que representa a 900 entidades de toda España que traballan con persoas con discapacidade intelectual ou de desenvolvemento, entre as que se atopa FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Segundo o xerente da Confederación, Enrique Galván, presentáronse unhas 283 boas prácticas de toda España e a Córdoba chegou unha selección de 14 prácticas admirables, entre as que se atopaba "Cara a museos sensibles e amigables", de FADEMGA Plena inclusión Galicia na que se analiza a accesibilidade dos museos galegos para formular alternativas que permitan a inclusión e a participación de persoas con discapacidade na vida social e cultural.
Moisés Lamigueiro Romeo, responsable das Áreas de Familias e Social de FADEMGA Plena inclusión Galicia foi o encargado de presentar esta práctica admirable ante o auditorio. Igualmente, a práctica "Incluíndonos na administración" do Servizo de emprego da Federación, tamén resultou considerada entre as 53 mellores da zona norte.
"A Escola de Pensamento Libre" de Plena inclusión Valencia, "Máis que capaces" da Asociación Adepsi (Las Palmas de Gran Canaria) e "Vínculos" de Amadip-esment (Baleares), foron as 3 prácticas elixidas como "Excelentes" neste Primeiro Encontro celebrado en Córdoba. Tal e como explicou Enrique Galván, director da Confederación, "estamos a dar un salto na innovación e transformación dos centros e servizos e agora facemos unha aposta polas prácticas admirables, que son aquelas que empuxan ás organizacións a transformarse en tres cosas: unha, buscando roles de cidadanía plena para as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias; a segunda, promovendo apoios personalizados, e a terceira, que toda a vida da persoa ten que ocorrer na comunidade como calquera outra persoa"