Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente de Fademga Plena Inclusión Galicia, Eladio Fernández Pérez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento de actividades que teñan por finalidade facilitar a adaptación das funcións nos postos de traballo das persoas con discapacidade intelectual que pasen a prestar servizos no Sergas, como persoal estatutario fixo ou persoal temporal.

Entre as actuacións a desenvolver no marco deste convenio están cursos de formación específicos previos ao ingreso ou ao inicio da prestación de servizos na Administración, que serán impartidos por persoal da Xunta co apoio de traballadores das asociacións. Tamén levarase a cabo apoio no proceso de inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo.

 Ademais de todo o antedito, farase seguimento do desempeño da actividade laboral, incluíndo formación continua en competencias instrumentais, transversais e laborais para este colectivo, de acordo cos resultados da detección de necesidades formativas. Igualmente, realizaranse talleres prácticos de intercambio de experiencias, dirixidos ao persoal que realiza funcións de referencia no entorno de traballo deste colectivo. Para levar a cabo todas estas iniciativas, establécese unha comisión de seguimento que estará integrada por catro representantes da Consellería de Sanidade e por dous de Fademga.

No acto de hoxe estiveron presentes, así mesmo, por parte da Administración sanitaria galega, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas; a directora xeral de Recursos Humanos, Margarita Prado Vaamonde; a subdirectora xeral de Atención ao Cidadán e Calidade, Beatriz País Iglesias; e a xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez Fernández. Por parte de Fademga, asistiu o seu xerente, Antonio Fuentetaja Cervelo; e a coordinadora do Servizo de Información e Orientación Laboral, Paula Álvarez.