Con motivo das próximas eleccións galegas, FADEMGA Plena inclusión Galicia organizou este mércores un foro entre representantes en materia de política social dos principais partidos candidatos á presidencia da Xunta e membros de asociacións de persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia.
Xosé Manuel Rey Varela (Conselleiro de Política Social do PP), Begoña Rodríguez (Candidata nº2 do PSdG-PSOE pola provincia de A Coruña), Carme Adán (deputada polo BNG en Vigo), Eva Solla (candidata nº3 de En Marea por Pontevedra) e Antonio Lara (nº1 por Ciudadanos en Pontevedra) participaron neste Encontro que tratou de poñer en contacto ao sector da discapacidade intelectual cos representantes políticos.
Os políticos tiveron a oportunidade de escoitar de primeira man as reivindicacións do noso movemento, así como de contestar preguntas sobre as políticas sociais incluídas nos seus programas de cara ás vindeiras eleccións. Entre os temas debatidos destacaron a problemática do actual sistema do copago, o custo das prazas en residencias, a acuciante necesidade da inclusión das persoas con discapacidade intelectual na Tarxeta Sanitaria AA, a formación dos profesionais para garantir unha correcta atención sanitaria, ou a eliminación de barreiras tanto físicas como psicolóxicas, mediante a promoción da accesibilidade universal na súa triple vertente (física, sensorial e cognitiva.).
En cada unha das súas intervencións, os representantes políticos coincidiron en sinalar que se bota en falta un maior grao de consenso en materias sociais, e a federación convidounos a que non se queden sobre o papel e se decidan a visitar as entidades, pois esa é a mellor maneira de ver o retorno da inversión e os beneficios que se poden conseguir na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.