Durante os meses de verán, FADEMGA Plena inclusión Galicia intensifica o seu Programa de Respiro Familiar, orientado a evitar a sobrecarga dos familiares que coidan diariamente a persoas con discapacidade intelectual. Este servizo que ofrece periodicamente a Federación, - e que o pasado ano cumpría o seu vixésimo aniversario - traballa activamente ofrecendo prestacións ás persoas con discapacidade intelectual ou o desenvolvemento, para que os seus coidadores habituais poidan gozar duns días de descanso.
As quendas de respiro familiar concéntranse habitualmente en pontes e períodos vacacionais. Neste tempo, os monitores organizan unha serie de actividades que responden os intereses dos participantes e que na medida do posible trátanse de acordar. As actividades inclúen excursións á praia, piscina, paseos... así como outras actividades en lugares pechados: cinema, teatro, museos, exposicións... O obxectivo, tal e como explica Ana Fraga, responsable das quendas programadas, é diminuír a tensión familiar e favorecer as relacións sociais e de parella; proporcionar alivio á familia e previr situacións de crise.
Cada familia pode utilizar un máximo de 20 días de servizo ao ano nas estancias en instalacións comunitarias, así como 60 horas de apoios individuais, excepto aqueles con familiares que presentan algún problema de conduta, casos nos que a atención pode chegar aos 30 días anuais. Algunhas familias acostuman a empregar todas as opcións, mentres que outras o utilizan máis ocasionalmente.
Este ano están previstos 15 quendas, e no que vai de verán xa foron máis de 50 os usuarios que participaron no servizo. Para máis información podedes consultar a sección de Atención a Familias, ou informarvos no 981 51 96 50.