Este espazo recolle todas as experiencias que as organizacións de Plena inclusión envían tradicionalmente ás distintas edicións dos Encontros de Boas Prácticas
O prazo para achegar ideas ou prácticas pechábase o 10 de abril, e o Encontro celebrarase en Córdoba os días 13 e 14 de outubro de 2016.
O pasado mes de febreiro, a confederación Plena inclusión puña en marcha "El huerto de ideas" unha plataforma virtual onde se recollen ideas e prácticas, e se valora a innovación, a cooperación e a transformación de apoios cara ás persoas con discapacidade intelectual.
O prazo para participar no Encontro finalizaba o pasado 10 de abril, e en total, inscribíronse 285 prácticas, e máis de 1300 persoas participaron a través de achegas ou comentarios. Os 12 proxectos que máis votos reciban presentaranse no congreso nacional que terá lugar os días 13 e 14 de outubro en Córdoba.
Galicia contribuíu a este peculiar "huerto" coa achega de 14 prácticas enviadas polas asociacións ASPRONAGA, SAN XEROME EMILIANI, XOÁN XXIII, ACEESCA, JUAN MARÍA e PASCUAL VEIGA, así como con outras enviadas desde a propia Federación, prácticas que poderán participar no certame que se celebrará en Córdoba. As mellores prácticas pasarán unha fase interna de valoración e "segundo sexa o seu nivel de desenvolvemento e puntuación", optarán a converterse en "prácticas admirables". No link inferior, podedes consultar as 14 prácticas enviadas desde Galicia.
Non obstante, "El huerto de ideas" é unha plataforma aberta e en constante crecemento, (www.elhuertodeideas.org) un lugar de encontro para quenes teñan unha idea que compartir. "Trátase dun espazo onde se recollan ideas e experiencias que melloren o benestar das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias. Unha vez subidas, estas ideas poderán crecer coa achega dos seus propios autores, e coas valoracións, contribucións e comentarios dos demais, xa que neste horto as ideas crecen regadas por todos", aseguran desde Plena inclusión.
Recordámosvos que "el huerto" estará sempre dispoñible para que as entidades, organizacións ou mesmo empresas ou institucións alleas ao noso movemento podan subir as súas ideas, e contribuir así a mellorar ca lidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.