Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia, como representantes do colectivo das persoas con discapacidade intelectual en Galicia, queremos mostrar a nosa satisfacción pola posta en marcha dunha cuota de reserva de prazas de emprego público para este colectivo, históricamente excluído do acceso ao mercado de traballo e especialmente, nas administracións públicas.
Neste ano 2016 cúmplense 10 anos desde a primeira proposta de FADEMGA á Xunta de Galicia para o establecemento de mecanismos que facilitaran a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade intelectual no acceso ao emprego público de Galicia.
Tamén celebramos o traballo que está a realizar a Dirección Xeral de Función Pública para que a Orde de Convocatoria de prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual vexa a luz hoxe no Diario Oficial de Galicia por primeira vez na historia da Comunidade Autónoma de Galicia, destacando o alto grao de implicación e coordinación desta Dirección Xeral con FADEMGA Plena inclusión Galicia, interesándose e tendo en conta as aportacións, suxerencias e outros aspectos relevantes á hora de realizar as múltiples adaptacións necesarias para garantir a operatividade e o éxito desta Convocatoria, tanto na planificación como no desenvolvemento do proxecto da mesma.
Actualmente, FADEMGA Plena inclusión Galicia está preparando a un total de 163 persoas con discapacidade intelectual, en 13 grupos distribuidos nas 4 provincias. A Federación ofrece formación onde se facilitan os temarios adaptados a lectura fácil, así como os diferentes exercicios, resolución de dúbidas e documentación relacionada, tal e como se fixo en anteriores ocasións.
:: A CONVOCATORIA
Podemos dicir, que a convocatoria que hoxe se publica no DOG, recolle os requisítos mínimos necesarios para o adecuado desenvolvemento dun proceso de selección destinado a un colectivo que precisa dunha serie de apoios, sen os cales a integración laboral na administración sería imposible.
Falamos da elaboración de temarios adaptados, da utilización dunha linguaxe sinxela, clara e concisa (o que se denomina LECTURA FACIL) tanto nos temarios como nas probas, do establecemento de convocatorias específicas e independentes, da modulación das probas adaptadas ás necesidades cognitivas das persoas con discapaicdade intelectual, da flexibilidade en canto a prazos e requisitos de participación, da flexibilidade para a elección de prazas, etc.
Por outro lado, gustaríanos destacar a iniciativa de elaboración de listas de sustitucións específicas como un gran acerto da Administración Galega que impulsa unha medida que non se aplica polo de agora nin na Administración Xeral do Estado nin na maioria das CCAA. Por último, gustaríanos celebrar a sinatura deste convenio de colaboración entre a Administración da Xunta de Galicia e FADEMGA Plena inclusión para a posta en funcionamento dun sistema de prestación de apoios por parte dos profesionais do Movemento Asociativo para facilitar a integración social e laboral das persoas con discapacidade intelectual que acaden as prazas que se convoquen de persoal laboral ou funcionario, así como daquelas persoas que teñan a oportunidade de obter unha experiencia laboral a través das listas de contratación temporal.