Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Baixo a dirección de Rosa Margarita Cacheda e Moisés Lamigueiro, Andavira Editora publicou o libro A accesibilidade dos museos: visións e perspectivas. Unha proposta de intervención en Galicia.

Neste proxecto implicouse FADEMGA Plena inclusión Galicia, coa colaboración de varios profesionais e o grupo de autoxestores, así como outras moitas entidades e organizacións que apoian a persoas con discapacidade. Como sinalan os seus autores, o proxecto «é un exemplo de como podemos, desde diferentes organizacións (universidade, tecido asociativo e sector empresarial), traballar conxuntamente e posibilitar os cambios necesarios para que as contornas resulten máis inclusivos e respectuosos coas persoas, independentemente das súas circunstancias vitais e persoais (discapacidade, dependencia ou nivel cultural)».

A realidade na que a investigación se centra foron os museos e centros de arte por, como explican os responsables do traballo, a súa vontade de servizo público; o seu potencial para fomentar a participación social e cultural; ser lugares de encontro e de deleite individual e colectivo, e ser espazos onde se comparte e transmite unha forma de ver o mundo. Os resultados desta investigación forman parte do proxecto Museos, accesibilidade e discapacidade en Galicia, que se enmarca dentro das axudas que concede a Xunta de Galicia.

O traballo desenvolveuse no Departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela.