FADEMGA Plena inclusión Galicia traballa actualmente nas 4 provincias, formando a máis de 150 alumnos en toda Galicia de cara ás vindeiras convocatorias de oposicións.
Das 70 prazas convocadas, 6 delas irán a parar a Galicia (2 en Ourense, 2 en Pontevedra 1 en A Coruña e 1 en Lugo) Carballo, 2 de marzo.
Dende o pasado 1 de marzo, a asociación ASPABER de Carballo, acolle un novo curso de formación a persoas con discapacidade intelectual de cara a preparar as oposicións convocadas en exclusiva polo Estado, para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual. Nesta ocasión o grupo está formado por 13 alumnos, que se unen aos máis de 150 que FADEMGA Plena inclusión Galicia está a preparar nas catro provincias galegas.
A federación encárgase de impartir estas xornadas formativas destinadas a preparar os exames e apoiar aos opositores en todo o proceso; desde a formalización da solicitude até a presentación de alegacións a listas ou a documentación referida á formación e experiencia de cada aspirante para o concurso ademais de acompañalos ao lugar onde se realizarán os exames.
O programa formativo que comezaba onte, levarase a cabo tódolos martes de 10:00 h. a 14:00 h. ata o día do exame, que será aproximadamente a mediados de setembro. O extenso temario desta formación comprende casos prácticos e exemplos de exames, que tamén se poden atopar na Plataforma de formación de Plena inclusión. Para Aspaber trátase dunha experiencia piloto, na que conta co apoio de FADEMGA Plena inclusión Galicia, que se leva a cabo coa intención de que esta sexa outra vía máis para a consecución da integración laboral.
:: Apoios integrais para facilitar a inserción laboral do colectivo
Para esta convocatoria de prazas de emprego público reservadas en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual da Administracion Xeral do Estado, FADEMGA Plena inclusión Galicia habilitou un sistema integral de apoios que está facilitando a tódolos aspirantes con discapacidade intelectual que así o desexen acceder a unha formación completa, que os prepare para participar no proceso selectivo.
Na actualidade, a federación prepara xa a un total de 161 persoas con discapacidade intelectual en grupos repartidos por Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña e Santiago, ao que agora se suma este novo grupo de ASPABER en Carballo. FADEMGA Plena inclusión Galicia, Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual, conta na actualidade con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 4.409 persoas con discapacidade intelectual, e 8.269 socios.