Xa están dispoñibles, en lectura fácil, as Conclusións do Encontro de Autoxestores, que se celebraba o pasado mes de novembro en Santiago. Dúas xornadas de traballo que tiñan lugar no Hotel Congreso de Montouto (Santiago) e que reuniron a persoas con discapacidade intelectual de toda Galicia para debatir sobre o seu papel na sociedade e reivindicar a súa valía como cidadáns de pleno dereito.
Nesta ocasión, o encontro xirou en torno á Participación, un tema sobre o que estiveron a reflexionar todo o ano, recollendo prácticas de participación dos autoxestores na familia, na asociación e na comunidade.
:: Os grupos de autoxestores
Os grupos de autoxestores están compostos por persoas con discapacidade intelectual que queren e poden decidir por si mesmos en todos os aspectos relacionados coas súas vidas. A través destes encontros, a federación pretende ofrecerlles un espazo onde todos poidan reunirse e intercambiar experiencias persoais que os axuden na súa reivindicación e recoñecemento social.
En definitiva, trátase de que as persoas con discapacidade intelectual conten cun espazo onde se lles escoite e se lles teña en conta á hora de tomar decisións nas nosas organizacións e nas súas contornas naturais (a familia e a comunidade) ao tempo que se avoga por que as conclusións que se alcanzan funcionen como canle para chegar á cidadanía e administración.
Descarga aquí as Conclusións do Encontro en Lectura Fácil: