Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

O alcalde de Carballiño, D. Francisco José Fumega, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Sanidade, Dna Marina Ortega, acompañaron este mércores ás 14 persoas con discapacidade intelectual que estiveron a participar no Programa de Promoción da Vida Independente, posto en marcha por FADEMGA Plena inclusión Galicia en colaboración coa asociación ASPADISI, e no que tamén colaborou activamente o Concello, a través da cesión dunha vivenda da súa propiedade, sita no Polígono A Uceira. Familias e membros da asociación ASPADISI participaron neste acto onde os usuarios amosaron o seu traballo e progresos durante as diferentes sesións do Programa, orientado a ofrecer os apoios necesarios ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, para que sexan máis autodeterminadas e conten cunha maior independencia que lles permita gañar control sobre as súas vidas e na súa contorna habitual.

 

O Programa de Cidadanía Activa e Promoción da Vida Independente foi posto en marcha por FADEMGA Plena inclusión hai 10 anos, grazas á aportación do Ministerio de Sanidade Servizos Sociais e Igualdade, co obxectivo de dotar ás asociacións galegas de ferramentas e recursos para dar resposta ás necesidades e demandas deste colectivo, do que forman parte un amplo e crecente número de persoas con discapacidade intelectual e familias.

Ata agora, xa se beneficiaron un total de 124 persoas con discapacidade intelectual así como 70 familias e 23 profesionais, a través de 10 asociacións galegas: AMIPA (Rois), ASPRONAGA (A Coruña), ASPAS (Santiago de Compostela), ASPNAIS (Lugo), ASFAVAL (Villamartín de Valdeorras), ASPROMOR (Ortigueira),  VALLE MIÑOR (Nigrán) e Juan XXIII (Pontevedra-Cangas), así como usuarios do servizo de emprego de FADEMGA en Lugo e esperamos que en vindeiras convocatorias do programa se sumen máis entidades da discapacidade galegas.