Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Segundo datos das listaxes de admitidos definitivos ás oposicións de ordenanza do Estado 2015 para persoas con discapacidade intelectual, as prazas de Galicia son unha vez máis (xunto con Valladolid e Zaragoza) as máis disputadas de España.
 
En concreto, a praza de A Coruña foi a máis solicitada con case un 15% dos admitidos e a de Vigo a segunda (empatada con Zaragoza). A cuarta sería Ourense, por detrás de Valladolid. Como xa acontecera nas oposicións de 2012, as prazas menos demandadas son as de Euskadi e Girona.
 
Actualmente 90 persoas con discapacidade intelectual estánse a preparar para ditas oposición grazas aos apoios que ofrece FADEMGA FEAPS GALICIA nas cidades de Santiago, Lugo, Coruña, Vigo e Ourense.
 
A Federación ofrece formación onde se facilitan os temarios adaptados a lectura fácil, así como diferentes exercicios, resolución de dúbidas e documentación relacionada, tal e como fixo na convocatoria do ano 2012, onde 3 persoas con discapacidade intelectual formadas polo Servizo de Emprego Público de FADEMGA conseguiron un posto fixo como ordenanza.
 
:: O emprego: factor clave para a integración das persoas con discapacidade intelectual
 
Dende o ano 2009, tódalas ofertas de emprego público da administración xeral do Estado, concentran a reserva para a discapacidade intelectual mediante o acceso libre a prazas de Persoal Laboral, ata o de agora, na categoría de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (Ordenanza).
 
Realízase unha reserva dun 7 por cento das prazas totais para persoas con discapacidade, de maneira que o 2 por cento se destinan a persoas con discapacidade intelectual e o 5 por cento restante a persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.
 
A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións de FADEMGA FEAPS GALICIA, polo que a reserva de prazas nesta nova convocatoria supón un paso especialmente relevante para a integración laboral do colectivo. Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.
 
Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA FEAPS GALICIA defende dende hai anos a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (onde se demostren que se posúen os coñecementos básicos para a execución do posto de traballo ofertado), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a integración destes traballadores.