Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

 FADEMGA FEAPS GALICIA participou esta mañá na presentación da campaña “Afirma os teus dereitos, asina contra o copagamento confiscatorio”.
 
O obxectivo desta campaña organizada polo CERMI Estatal é a recollida de 500.000 sinaturas en todo o territorio nacional para modificar a Lei de Autonomía Persoal e Dependencia no relativo aos criterios de copagamento a través da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).
 
 
O copagamento na dependencia
 
A iniciativa lexislativa popular contra o copagamento confiscatorio é a resposta do movemento social da Discapacidade ás políticas das Administracións sociais, que no desenvolvemento da lei de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia, crearon unha situación insostible, que fai recaer o esforzo económico de mantemento do sistema nas propias persoas en situación de dependencia, algunhas das cales se viron obrigadas a renunciar a recursos de atención, como residencias ou outro tipo de servizos por motivos económicos.
 
"Afirma os teus dereitos, asina contra o copagamento confiscatorio" é o lema desta campaña que o CERMI emprendeu en todas as comunidades autónomas, e coa que a plataforma pretende chegar ás persoas con Discapacidade e maiores, e ao seu ámbito familiar, así como aos profesionais dos servizos sociais, aos voluntarios e á cidadanía en xeral, para que consignen a súa sinatura de apoio a esta acción.
 
Os cambios propostos están encamiñados a establecer criterios máis claros, xustos e iguais, en relación coa capacidade económica e a participación no custo das prestacións por parte das persoas beneficiarias. Estes inclúen medidas como a exención do copagamento aos que perciban menos de 1.331 euros, ou fixar unha achega máxima por persoa, que non sexa superior ao 60% do custo do servizo ao que accede.