Dende FADEMGA FEAPS GALICIA, unímonos á campaña contra o copago confiscatorio impulsada por FEAPS e na que participan entidades sociais de todo o país membros do CERMI.
"Afirma os teus dereitos, firma contra o copago confiscatorio", é o lema principal desta campaña para a captación de firmas de impulso da iniciativa lexislativa popular de reforma da lei de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia.
Con esta mensaxe, as entidades sociais membros do CERMI pretendemos chegar ás persoas con discapacidade e á súa contorna familiar, así como aos profesionais dos servizos sociais, aos voluntarios e á cidadanía en xeral, para que consignen a súa firma de apoio á iniciativa lexislativa popular que persegue a modificación da lei de autonomía persoal para establecer uns criterios xustos de copago que non expulsen ás persoas en situación de dependencia da protección social.
Como representantes do sector da discapacidade intelectual en Galicia, FADEMGA únese a esta campaña para a consecución das 500.000 firmas de cidadáns e cidadás maiores de 18 anos, españois, e con todos os seus dereitos políticos, necesarias para que prospere a iniciativa lexislativa popular de modificación do copago e poida chegar ao Congreso dos Deputados para a súa admisión no seu caso e posterior debate.
A iniciativa lexislativa popular contra o copago confiscatorio é a resposta do movemento social da discapacidade ás políticas das Administracións sociais que en desenvolvemento da lei de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia crearon unha situación insustentable que fai recaer o esforzo económico de mantemento do sistema nas propias persoas en situación de dependencia.