Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Este xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba unha nova Oferta de Emprego público (OPE), a maior dende o ano 2009, e que multiplicará por catro as prazas do ano pasado.
 
Dende FADEMGA FEAPS GALICIA celebramos esta importante iniciativa tomada polo Goberno, así como a reserva dun porcentaxe non inferior ao 7% das prazas convocadas a persoas con discapacidade, das cales un 2% desa reserva esperamos se destine a persoas que acrediten discapacidade intelectual.
 
A Federación leva tempo traballando e asesorando sobre os criterios que deben rexir nas convocatorias específicas de emprego público destinadas a persoas con discapacidade intelectual, para facilitar o desenvolvemento e organización dos procesos selectivos e garantir a cobertura dos mesmos.
 
Igualmente, ofrécese a colaborar coa Xunta na adaptación dos temarios ás características e necesidades das persoas con discapacidade intelectual, así como asesorala na adaptación de todo o proceso selectivo.
 

:: O emprego: factor clave para a integración das persoas con discapacidade intelectual
 
A igualdade de oportunidades no acceso ao emprego público das persoas con discapacidade intelectual, constitúe unha das principais reivindicacións de FADEMGA FEAPS GALICIA, polo que a reserva de prazas nesta nova convocatoria supón un paso especialmente relevante para a integración laboral do colectivo.
 
Trátase dun dereito recollido na “Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sendo España un dos países que o adoptou para o seu ordenamento xurídico interno.
 
Xunto a este tipo de convocatorias, FADEMGA defende dende hai anos a adopción doutro tipo de medidas, como a adaptación de probas nas convocatorias de oposicións, a través de probas prácticas reais (onde se demostren que se posúen os coñecementos básicos para a execución do posto de traballo ofertado), así como a reserva dunha parte da contratación pública aos Centros Especiais de Emprego, o que favorecería a integración destes traballadores.