6 persoas con discapacidade intelectual participaron esta semana nas xornadas educativas que se están a levar a cabo no colexio compostelano Compañía de María ata o vindeiro venres día 6. 

Alumnos de primaria, infantil, E.S.O e bacharelato asisten a estas charlas e obradoiros que se organizan cada ano co obxectivo de sensibilizar aos máis pequenos da importancia e riqueza da diversidade. Nesta ocasión, un grupo de persoas con discapacidade intelectual traballou cos alumnos na creación de varios muráis sobre os dereitos das persoas con discapacidade recollidos na Convención da ONU, e explicaron a importancia da inclusión e de valorar a cada persoa polas súas capacidades.
Na iniciativa educativa colaboran diversas entidades do Terceiro Sector, entre elas FADEMGA FEAPS GALICIA (Federación de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia), a ONCE ou a Asociación ASPAS de Santiago entre outras.
:: A creatividade protagoniza este ano as xornadas
Como é costume no Colexio, nesta semana tódolos ciclos educativos achéganse á realidade das persoas con discapacidade. Os nenos participan en obradoiros, asisten a charlas e a diversas actividades adaptadas á súa idade e nivel educativo co fin de contribuír a unha formación máis plena.
Entre os obxectivos destas xornadas destaca o fomento de actitudes, valores e comportamentos de empatía, valorar o potencial de cada persoa, facerse conscientes da importancia do esforzo de superación e fomentar a colaboración, apoio e axuda mutua das persoas que nos rodean para o avance persoal e social.