Máis Novas

Listen to this page using ReadSpeaker

Durante o pasado ano, o centro de equinoterapia “La Finca” (Ferrol) estivo a acoller sesións de equinoterapia, nas que participaron un total de 14 persoas con discapacidade intelectual maiores de 45 anos ou en proceso de avellentamento, todas elas membros da asociación ASPNAIS, (entidade na que se levou a cabo o programa ó longo do 2014).
 
A equinoterapia é unha forma de traballo integral e complementario de rehabilitación e educación, que busca mellorar a calidade de vida da persoa. Baséase no emprego do cabalo como axente mediador e xera beneficios tanto a nivel físico e psicolóxico como emocional.
 
Esta actividade non se practica únicamente montando a cabalo, senón tamén en contacto co animal, posto que a percepción sensorial ten un papel importante así como o diálogo co terapeuta. A sesión comeza cunha aproximación suave e paulatina para crear un clima de confianza: é a fase de coidado do animal no que se acaricia e cepilla.
A continuación realizase unha fase de traballo que consiste en dirixir o cabalo, pasealo pola pista.. para chegar finalmente a poder montalo e realizar xogos, equilibrios etc.
 
 
:: Xornada de retos e oportunidades no proceso de avellentamento
 
Como parte deste programa de avellentamento activo e con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos, FADEMGA FEAPS Galicia organizou unha xornada destinada a analizar os retos e oportunidades no proceso de avellentamento das persoas con discapacidade intelectual.
 
Nesta xornada participaron un total de 22 persoas de diferentes entidades, 14 profesionais e 8 persoas con discapacidade intelectual maiores de 45 anos, e tivo como principal obxectivo crear un espazo de reflexión sobre as necesidades que xera o avellentamento e un espazo de intercambio de boas prácticas que se están a levar a cabo, entre elas o deporte Speed Stacks.
 
Constou de dúas partes diferenciadas, unha primeira parte na que persoas con discapacidade intelectual e profesionais traballaron sobre os cambios do avellentamento e as accións que se están a levar a cabo nas entidades para dar resposta os mesmos e unha segunda parte na que dúas profesionais da asociación AFANDICE de Madrid, presentaron o deporte Speed Stacks como unha opción máis para promover o avellentamento activo.