Familia

Listen to this page using ReadSpeaker

A familia é o contexto no que se desenvolve gran parte da vida da maioría das persoas e é fundamental para o crecemento e o benestar de todos os seus membros.

Cando no seo dunha familia nace un neno ou nena cunha discapacidade, ou a un membro da familia se lle diagnostíca unha discapacidade, este feito afecta a cada un dos membros e ao conxunto da familia.

Un dos nosos obxectivos como federación, é traballar para mellorar a calidade de vida das familias.

Para iso, tanto as nosas entidades como a federación, prestamos todo tipo de apoios orientados ás familias:

Información e orientación

O obxectivo é escoitar e dar información e orientación sobre axudas, recursos, centros e servizos, sobre a entidade ou calquera outra cuestión que expoñan os familiares

Apoio emocional

Nas asociacións de FADEMGA Plena inclusión Galicia hai grupos estables de pais, irmáns, cuñados..., que se reúnen periodicamente para compartir as súas inquietudes e experiencias, e que contan cun profesional que dinamiza as reunións. 

Ademáis, compartir sentimentos, sensacións, dúbidas e temores con outros familiares que xa pasaron por esta mesma experiencia é vital para moitas familias que se achegan por primeira vez ao mundo da discapacidade intelectual.

Formación

Tanto a federación como as nosas entidades, ofrecen cursos e talleres sobre temas relacionados coa familia e a discapacidade, que axudan a mellorar as actitudes, coñecementos e destrezas dos familiares para afrontar distintas situacións da súa vida.

Respiro

Trátase dun apoio que atende á persoa con discapacidade intelectual de forma puntual para que os familiares dispoñan de tempo para conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral. As necesidades concretas que poden expor as familias para solicitar un Respiro son moi variadas: problemas de saúde, motivos laborais, descanso (lecer, vacacións, visitas...), falecementos, compromisos sociais ou familiares, etc.

 

:: A PARTICIPACIÓN DA FAMILIA NA VIDA ASOCIATIVA

Ao fin, o que cada familia entende por calidade de vida pode ter un sentido diferente: trátase dun concepto que varía segundo cada familia e segundo a experiencia de cada un dos seus membros.

Pero hai unha serie de factores que son comúns a todas as familias: o seu benestar emocional, a boa relación entre familiares, a saúde, o benestar económico, a organización e habilidades dos pais, a acomodación da familia, a inclusión... e a participación.

Dende a federación, traballamos promovendo unha maior participación de familiares na vida da sua entidade e na da federación.

No seguinte vídeo, podes ver a familiares do noso movemento asociativo falando sobre a importancia de participar.

 

*Descarga aquí a Guía de participación das familias