Social

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

Comprender o mundo é un dereito de tódalas persoas.

Cada vez máis institucións, empresas, organizacións e persoas en xeral estanse a concienciar de que a accesibilidade cognitiva é esencial para que todas as persoas con ou sen discapacidade, poidan participar na sociedade en igualdade de condicións.

A lectura fácil é un método de accesibilidade cognitiva que permite crear e adaptar documentos para que sexan máis fáciles de entender, unha metodoloxía que non afecta só o texto, senón tamén ás ilustracións, deseño e maquetación, e que beneficia a todas as persoas, pero especialmente a colectivos como as persoas con discapacidade intelectual, persoas maiores con deterioración cognitiva e outras persoas con dificultades de comprensión.

Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia, reclamamos dende hai anos a adaptación a lectura fácil de todo tipo de informacións (administrativas, sanitarias, educativas…), xa que o acceso á información é un dereito de todas e todos, que facilita a nosa posibilidade de acceder a múltiples contornas, produtos e servizos.

Como se fai a lectura fácil?

O método da lectura fácil ten dúas fases principais:

- Adaptación. Trátase da redacción ou adaptación do documento seguindo unhas pautas concretas. Adóitaa realizar unha persoa que coñeza esas pautas.

- Validación. Trátase da comprobación de que o texto se comprende. Realízana persoas con dificultades de comprensión formadas para iso. Ademais, cando se trata dun texto complicado, por exemplo científico ou legal, tamén adoita haber unha validación por unha persoa experta: unha avogada ou avogado, unha científica ou científico, etc.