Social

Escucha esta página utilizando ReadSpeaker

 
Este programa ten un carácter complementario ás actividades e programas existentes nos servizos de atención directa que atenden ás persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento en proceso de envellecemento e ás súas familias.
 
Ten como obxectivos:
- Dotar ás entidades de ferramentas e recursos para dar resposta ás necesidades e demandas deste colectivo, do que forman parte un amplo e crecente número das persoas con discapacidade intelectual.

- Mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento en proceso de envellecemento e das súas familias, a través de diferentes tipos de actuacións (actividades de estimulación cognitiva, actividades de motricidade ou mobilidade, sesións de participación na comunidade a través do uso dos seus recursos, apoio e asesoramento as familias, etc.).
 

Con este Programa damos un apoio puntual
(a través da intervención dun profesional da Federación durante 1 ano) ás entidades, para que poidan impulsar e implantar nos seus servizos a atención as persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento. Tras este apoio puntual a Federación retirarase para que a entidade asuma as accións e intervencións do Programa como propias, dando respostas máis axeitadas ás persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.
 
Para a posta en marcha deste Programa é necesario que a entidade beneficiaria considere o proceso de envellecemento unha realidade que afecta ademais da propia persoa con discapacidade intelectual, ás súas familias e ós profesionais que desenvolven a súa labor con este colectivo.
 
Co obxectivo de comezar a atender ou mellorar as necesidades específicas deste colectivo (persoas con discapacidade intelectual maiores de 45 anos en proceso de envellecemento), un profesional da Federación apoiará a intervención desprazándose a entidade beneficiaria co propósito de realizar, conxuntamente cos profesionais da mesma:

- Xuntanzas para: detección de necesidades dos participantes, programación de actividades ou actuacións acordes a esas necesidades, seguimento e avaliación (non se trata de sustituir ós profesionais da entidade, senón de apoiar).

- Accións, individuais ou grupais, das persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento, orientadas ó desenvolvemento da súa autonomía social e persoal.

- Actividades coas familias, encamiñadas a informar, orientar e asesorar sobre o proceso de envellecemento.